Alocucións académicas sobre Xosé María Álvarez Blázquez no Día das Letras Galegas
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
table. O seu labor de bibliófilo, tanto por gusto como por negocio ?comerciante de libros foi, nobilísimo oficio que exerceu con tenda aberta en Vigo, rúa de Pi i Margall?, ese labor de procura de papeis manuscritos e impresos levouno, entre outras tantas cousas, a xuntar unha extraordinaria colección da prensa viguesa do século XIX que, cerca xa da fin da vida, lle entregou ó Concello, e cuxa situación presente vos confeso ignorar. E xornais, relacións, documentos notariais, cartas privadas, libros vellos, crónicas e poemas medievais, xunto cunha curiosidade sen cancelas e unha habilidade natural e cultivada pra interpretar as fontes, converteron a Xosé María Álvarez Blázquez no maior e mellor historiador local que houbo en Galicia. En 1959 nas páxinas diarias do Faro de Vigo; en 1960 en forma xa de libro, grande e belo volume, apareceu La ciudad y los días, A cidade e os días, ou Calendario histórico de Vigo, libro senlleiro, incomparable, armado con todo o rigor científico do historiador honrado, escrito con toda a beleza de estilo do grande escritor, e adornado ademais por unha calidade única e conmovedora: o amor republicano polo pobo, polos mariñeiros e os obreiros e as xentes de vida traballada, que son presentes neste libro como nunca o son ?que eu saiba? en obras semellantes. Moitos anos despois d'A cidade e os días, Xosé María Álvarez Blázquez aínda lle daría á súa cidade de adopción e de amor outro gran libro: Vigo en su historia, obra monumental tamén, coordinada e dirixida exclusivamente por el ?aínda que Álvaro Cunqueiro figurase ó seu lado de cara á galería?, e escrita por el mesmo en grande parte: o precioso capítulo da Idade Media, o soberbio relato histórico do gran século XIX vigués, o exhaustivo estudo do xornalismo local. Estes dous libros, o de 1960 e o de 1980, por non falarmos dos innumerables artigos e traballos menores, son a enorme contribución de Álvarez Blázquez á historia de Vigo, pero non tan só: tamén son importantes achegas á historia de Galicia enteira, na medida en que o Vigo que xorde co liberalismo é peza esencial, motor potente da nación. Vigo é hoxe, entre outras moitas cousas, a capital indiscutida do mundo editorial galego; mais isto non foi sempre así, a pesar de que o gran símbolo do Rexurdimento noso, os Cantares gallegos de Rosalía de Castro, foron impresos en Vigo por Xoán Compañel, como aínda hai ben poucos días puiden ler, paseando pola cidade vella, en meritoria placa que lembra e celebra aquel milagre. A primeira pedra desta hodierna condición editorial viguesa débese xustamente a Xosé María Álvarez Blázquez e ó seu socio Luís Viñas Cortegoso, que en 1950 iniciaron a aventura de Edicións Monterrey no baixo de Pi i Margall 14, daquela, oficialmente, General Aranda 18. E empezou a aventura editorial de Monterrey cun libro de Xosé María, Roseira do teu mencer; era Xosé María un home «in mezzo del camin», e tiña unha filla de dous anos que era o mencer do libro galego contra a noite de pedra do franquismo. Monterrey publicou fermosas cousas maiormente en galego, e sempre referidas a Galicia, importantes autores do pasado e daquel traballoso rexurdir. En 1951 sae o primeiro libro da Editorial Galaxia, a Antífona da cantiga de Ramón Cabanillas, e naquela década difícil a maior parte do pouquiño que
251 Nº 369