Estudos e investigacións sobre Lorenzo Varela
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
¡Ley de xograría me chama a silencio! Si non fora aquelo de xogar co demo, e partir o viño con tantos meleiros, faría tensón cos meus compañeiros, María Balteira. Ti sábelo, eu sei, que loubar loubara túa saia sin lei. ¡Túa saia leda que non loubarei! Túa saia leda que non loubarán: con frior de seda e quentor de lan.
A LOA IMPOSIBLE O poema recrea a figura da Balteira cun logrado ton de viril xogo xograresco cargado de tenra e irónica ambigüidade androcéntrica e posto na voz dun eu que se identifica co do propio poeta que canta e que dialoga literalmente coa propia Maria Peres mais literariamente cos trobadores e xograis galegoportugueses que a escarneceran nos seus versos, cos que comparte o impositivo vencello esmorgueiro e a xenérica complicidade masculina de cuadrilla. Este xogo está recreado no seu real ambiente de territorio cristián en guerra e vai envolto nas prototípicas épica guerreira e exaltación varonil varelianas. E, en relación coa propia figura da Balteira, déixase levar pola vella imaxe cancioneiril da soldadeira xogadora, bailadora e ?pecadora? que volvía tolos os homes e que segundo a lei trobadoresca non podía ser loada senón vilipendiada. De aí a recorrencia da ambigua posibilidade ?Loubar eu loubara, María Balteira, / túa saia leda? (2), tamén repetida coa variación da exclamación e da contundente amplificación final aclaratoria, que fai imposible a gabanza presente e ata a futura: ?¡Loubar eu loubara, María Balteira, / túa saia leda!? e ?Ti sábelo, eu sei, / que loubar loubara túa saia sin lei. / ¡Túa saia leda / que non loubarei! / Túa saia leda / que non loubarán: / con frior de seda / e quentor de lan?. O poeta expresa así todo o peso da misóxina e antivital lei de xograría ao mostrar a contradición existente entre o seu desexo de deixarse levar polo impulso erótico do eloxio da muller alegre e a represión do mesmo, unha represión tan potente que non só lle afecta a el, senón que, segundo el, lle afectará a calquera outro ou outra no futuro, cousa que, por sorte, non ocorreu, como demostran as palabras da cita inicial do artigo, tomadas de Os eidos de Novoneyra. Mais se no poema o natural desexo perde fronte á súa represión, o que non perde é a ocasión de manifestarse subrepticiamente a través da irreprimible admiración pola artista bela e ousada, expresada mediante a ironía de facer aquilo que se nega facer. Admiración da bailarina e da muller. Admiración pola súa danza da vida que arredaba da próxima danza da morte. Admiración que se materializa na imaxe da saia leda, que representa a muller alegre que danza e que ama. Admiración pola beleza da súa danza de aire, tal o voo de pombas e gaivotas ou as lilailas da lúa, revoando das mans aos pés.
19 Nº 364