BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudios e investigacións sobre o P. Sarmiento
ción, coma o Diccionario geográficoestadístico de España y Portugal de Sebastián de Miñano (18261829 e 1835), a España Geográfica, Histórica, Estadística y Pintoresca de Francisco de Paula Mellado (1845) e, sobre todo, o Diccionario geográfico, histórico y estadístico de España y sus posesiones de Ultramar que Pascual Madoz publicou entre 1845 e 1850 (Capel, 1981). Un procedemento para cartografar o Reino de Galicia Xa no século XVI apareceran diversos traballos en relación co proxecto de realizar unha cartografía científica dos territorios españois, sendo o noso país o primeiro estado europeo en amosar interese por esta cuestión. Sen embargo, mentres que nacións coma Francia impulsaron decididamente este tipo de iniciativas desde o Dezasete, en España non se pasou das boas intencións, de maneira que o coñecemento cartográfico do noso territorio era moito máis deficiente có doutros países. A carencia dunha axeitada base cartográfica propia provocaba unha total dependencia da producción estranxeira, coas correspondentes consecuencias negativas de carácter científico, cultural, político, económico, administrativo e militar (Capel, 1982, 1988). Consciente destas limitacións, o Padre Sarmiento redacta, en 1762, un documento de doce pregos e medio, que quedou sen rematar, titulado Problema Chorográfico para describir a Galicia con un nuevo método. Descoñécese o destino do manuscrito autógrafo, pero existe unha copia na Colección Medina Sidonia (Arquivo Ducal de Sanlúcar de Barrameda) e outra na Colección Dávila (Biblioteca Nacional de Madrid), texto este último utilizado para a edición e estudio a cargo de J. L. Pensado (1996). A finalidade deste proxecto era a elaboración dun mapa do Reino de Galicia completo e preciso, de maneira que todos os datos cartografados estivesen localizados con exactitude. Para iso, Sarmiento afástase do traballo de gabinete que seguía o seu coetáneo Tomás López, xeógrafo oficial da Coroa (Capel, 1982), e idea un método dirixido a obter directamente sobre o terreo toda a información necesaria para o levantamento cartográfico. O ?arbitrio? consiste en situarse na cidade leonesa de Astorga e atravesar Asturias ata chegar á ría de Navia; nesta paraxe iníciase un longo percorrido polo recortado perímetro costeiro do país ata Viana do Castelo, xa en terras portuguesas, onde verte as súas augas o río Limia. Desde a desembocadura de cada unha das correntes fluviais, cómpre penetrar cara ó interior, explorando primeiro a beira dereita do río ata chegar ás súas fontes e logo regresando pola outra marxe ata o punto de orixe. O mesmo procedemento debe seguirse cos distintos afluentes e subafluentes do río principal que se vaian atopando ó longo da viaxe. A este respecto, Sarmiento denomina río ?orixinal? (principal) ó que desauga directamente no mar, e río ?segundo? (afluente) ó tributario doutra corrente, concluíndo que o río que desemboca na Guarda é o Sil, do cal o Miño é afluente. Unha vez situados en Viana do Castelo, último punto costeiro da camiñada, só resta percorrer a beira meridional do río Limia (a ?raia seca?, entre Galicia e PortuNº 363 174