BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudios e investigacións sobre o P. Sarmiento
3.Ético: costumes, relixión, obras pías, exercicios devotos, estudios e divertimentos. 4.Económico: poboación, nobreza, industria, goberno, medidas e comercio. 5.Político: edificios públicos, edificios literarios, milicia, marina, rendas e xustiza. 6.Histórico: antigüidades, glorias, épocas, desgracias, méritos e tradicións. Cada unha das seis clases contén 4 interrogantes, de onde resulta un total de 144 preguntas consecutivas, ás que se engaden seis máis para as ?probas xustificativas?. Por exemplo: no apartado de ?Xeografía? pregúntase sobre ?clima e paralelo?, ?latitude e lonxitude?, ?agulla e barómetro?, ?distancias e rumbos?; no capítulo de ?Meteoroloxía? solicítase información a propósito de ?ceo e temperamento?, ?aire e ventos?, ?augas e mareas?, ?terreo e volcáns?; con respecto á ?Comarca? interesan os datos relativos a ?illas e ríos?, ?lagos e fontes?, ?montes e bosques?, ?vales e covas?; e así sucesivamente. As denominadas ?probas xustificativas? refírense a ?autores impresos e citas?, ?autores manuscritos e memorias?, ?instrumentos orixinais e copias?, ?sepulcros e epitafios?, ?esculturas e pinturas?, ?inscripcións e moedas?. Como pode apreciarse, moitos dos puntos que figuran no cuestionario non pertencen ó ámbito propiamente xeográfico; así ocorre coas preguntas sobre gramática (toponimia), idioma (xeolingüística e dialectoloxía), carácter, agricultura, botánica, mineraloxía, costumes e diversións (etnoloxía e folclore), relixión, desgracias, méritos, nobreza, antigüidades, tradicións, monstros e prodixios? Cómpre salientar que mentres Feijoo se esforzaba en eliminar a superstición das mentes dos seus coetáneos e en desterrar todas as crenzas, lendas, mitos e tradicións populares, o seu incondicional compañeiro de hábito consideraba que ese era un valioso campo de coñecemento e unha auténtica fonte de saberes que había que preservar pola súa condición de testemuños do pasado (Filgueira, 1981, 1994; Pensado, 1978). Os medios necesarios para aplicar o inquérito parecían sinxelos: segundo as previsións de Sarmiento, aínda que fosen moitas as persoas ás que se pedise información, abondaría con doce individuos ?hábiles, eruditos e aplicados? para sacar o máximo proveito dos copiosos datos reunidos. Co obxecto de lograr unha maior eficacia á hora de recoller a información, o interrogatorio debería entregarse á máxima autoridade eclesiástica do lugar, ou á principal persoa relacionada coa administración de xustiza, ou a ambas as dúas, para que, xunto co escribán, puidesen formular as preguntas e tomar nota das respostas; tamén se podía contar coa colaboración dalgunhas persoas ?prácticas e eruditas?, no caso de que as houbese, porque o obxectivo era preguntar ó maior número posible de persoas, de toda idade, clase e condición. No seu ?Plano?, Frei Martín propón as diferentes preguntas que deben facerse en cada un dos apartados de que consta o cuestionario, se ben deixa liberdade ós interrogadores para reformulalas do xeito que consideren máis apropiado e que permita obter respostas máis amplas e precisas. Velaí, a título de exemplo, as preguntas suxeridas no apartado de ?Xeografía?:
Nº 363 172