Estudios e investigacións sobre o P. Sarmiento
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
se traducise nunha producción bibliográfica tan abundante coma no caso da historia natural, a botánica ou a filoloxía. Non obstante, as súas ideas xeográficas acabaron plasmándose en dúas obras de capital significación: o Plano de un nuevo y fácil método para formar una general descripción geográfica de España y América (1751) e o Problema Chorográfico para describir a Galicia con un nuevo método (1762). Ademais, na Obra de seiscientos sesenta pliegos, escrita no ano 1762 e seguintes, podemos atopar interesantes reflexións sobre diferentes temas que hoxe caen dentro do ámbito da xeografía humana. Un ambicioso proxecto de descrición xeográfica de España No arquivo do mosteiro burgalés de Santo Domingo de Silos consérvase o manuscrito autógrafo do ano 1751, titulado Plano de un nuevo y fácil méthodo para recoger infinitos materiales y ciertas memorias que puedan servir de sólido fundamento; si en España se piensa en formar una general descripción geográfica completa de toda la península, y de toda la América; y qual no la tiene hasta ahora nación alguna. Consta de once pregos, que foron editados por J. L. Pensado (1996) e que teñen un encabezamento epistolar, xa que constitúen a resposta a unha consulta sobre cómo levar a cabo unha completa descrición de todos os lugares de España que tivesen algunha singularidade. Non se sabe quen lle fixera este encargo, aínda que é probable que fose o marqués da Ensenada ou algún outro persoeiro da Corte de Fernando VI; o traballo probablemente sexa continuación do Plano para formar una descripción general de América, cinco pregos que foran entregados en 1741 ó Marqués de Valdelirios, e do Plano para la Descripción Geográfica del Perú, escrito o mesmo ano a petición dun cabaleiro de Lima, documentos ambos os dous que non se atopan entre os manuscritos do frade bieito (Filgueira, 1981, 1994). O proxecto de Sarmiento, inspirado nos tres tomos das Topographias de Portugal do Padre Carvallo e no Atlas de la China do Padre Martini, consta de once pregos ó longo dos cales se desenvolve un detallado ?interrogatorio? de 150 preguntas coordinadas, das que só desenvolveu as 120 primeiras, o que nos permite supoñer que debeu quedar inconcluso. As preguntas incluídas na relación refírense a todo canto se pode saber sobre unha provincia, territorio, cidade, vila ou aldea; é posible que non sempre se poidan responder todos os interrogantes formulados, pero aínda no caso das entidades máis insignificantes se poderá dar resposta a un número considerable de preguntas. Sexa cal sexa o número de respostas recollidas, o encadeamento do cuestionario posibilitará unha descrición natural e metódica do lugar, e non debe haber nada que se desexe saber do mesmo que non se poida coñecer a través dalgunha das preguntas. A enquisa comprende seis ámbitos ou ?estados? (cosmográfico, físico, ético, económico, político e histórico), subdividido cada un deles en seis clases: 1.Cosmográfico: gramática, xeografía, meteoroloxía, topografía, idioma e carácter. 2.Físico: comarca, fertilidade, montería, agricultura, botánica e minerais.
171 Nº 363