BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudios e investigacións sobre o P. Sarmiento
instigadores da axitación popular coñecida como ?motín de Esquilache?, en realidade un movemento reaccionario en contra dos ideais reformistas do goberno. Sarmiento falece en 1772 no convento de San Martín de Madrid. O seu corpo recibiu sepultura na igrexa do mosteiro madrileño, que foi derrubada en 1809, cando reinaba José Bonaparte. Anos máis tarde, correu a mesma sorte o edificio conventual. Todo iso fixo que os seus restos acabaran por perdérense e que todos os intentos por recuperalos resultasen, polo de agora, infructuosos (Filgueira, 1994). Paradoxalmente, Frei Martín Sarmiento, coñecido pola súa selecta e ampla biblioteca persoal e etiquetado como un dos intelectuais máis orixinais e prestixiosos do seu século (Allegue, 2001), só publicou en vida os dous tomos dunha das súas obras: a Demonstracion criticoapologetica del Theatro Critico Universal, que dio a luz el R. P. M. Fr. Benito Geronymo Feijoo, Benedictino (1732), para defender a obra que o seu irmán de relixión comezara a publicar en 1726. Malia o éxito editorial (o libro foi reimpreso en catro ocasións), a experiencia resultoulle moi ingrata, polo que nunca xamais volveu publicar nada da súa producción a pesar de que foron moitos os que o animaron a facelo. Todos os seus escritos posteriores non tiñan máis lectores que o reducido número de amigos que admitía na súa cela con ocasión dos faladoiros dominicais, de maneira que os seus traballos permaneceron inéditos ata que foron aparecendo ó longo dos séculos XIX e XX, editados a partir de copias non sempre demasiado fieis ós manuscritos orixinais. Sen embargo, o seu illamento claustral non foi óbice para a súa continua intervención nos asuntos de interese xeral do seu tempo. Goza da confianza dos monarcas (Felipe V nomeouno ?Consultor Privado de Su Majestad?), que teñen en gran valor o seu parecer, e os políticos máis influentes da Corte madrileña frecuentemente lle dirixían consultas e lle encargaban proxectos, aínda que despois non seguiran as súas indicacións. A súa vida recluída está dedicada a unha inesgotable tarefa de emitir informes, opinións, dictames e aclaracións sobre os temas máis diversos. Non é de estrañar, xa que logo, que a maior parte dos seus escritos respondan a consultas feitas por altos personaxes relacionados coa administración borbónica. A diferencia de Feijoo, a notoria celebridade da que Sarmiento gozou no seu século debeuse á súa fama e non ós seus libros (Pensado, 1978, 1994, 1995). O coñecemento xeográfico Cando Sarmiento emprende as dúas derradeiras ?peregrinacións? a Galicia (1745 e 1754) leva consigo un Diario, no que reflicte coidadosamente toda a información que podía recoller sobre cada un dos lugares polos que pasaba, así como o que era capaz de observar a dereita e esquerda, as inscricións coas que tropezaba, as distancias e os nomes dos montes, ríos, vales, etc. Coas anotacións así reunidas compuxo dous libriños, de vinte pregos o primeiro e dezanove o segundo (Colección Medina Sidonia), nos que amosa a súa preocupación polo coñecemento xeográfico do noso país, aínda que este interese non
Nº 363 170