BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudios e investigacións sobre o P. Sarmiento
cargamento de prata destinado a engrosar as arcas da Coroa, se dirixían a Vigo custodiados por navíos pertencentes á armada francesa. O amedrentado neno, que debía estar só nese intre, escapa da casa e é recollido polas monxas de Santa Clara de Pontevedra que fuxían cara ó priorado benedictino de Tenorio (Filgueira, 1994; Pensado, 1978). Xa en 1710, cando o rapaz acababa de facer os 15 anos, sae para o convento de San Martín de Madrid, onde ingresa como novicio da orde bieita. Despois de profesar ó ano seguinte, entre 1711 e 1714 estudia Artes e Filosofía no Colexio de Irache (Navarra). Mentres tanto, asinábase a Paz de Utrecht (1713), un conxunto de tratados entre as potencias belixerantes na guerra de Sucesión española que, ademais de poñer fin a un conflicto dinástico e civil, serviron tamén para saldar outros contenciosos europeos. O monarca borbón asentábase no trono de España a cambio da perda do poder español en Europa. No fondo, Felipe V nunca se resignou ás duras estipulacións de Utrecht, o que explica a política exterior altamente conflictiva e o revisionismo imperialista que caracterizou o seu prolongado reinado (Domínguez Ortiz, 1976). O monxe de San Bieito continúa estudios de Teoloxía no Colexio de San Vicente, pertencente á Universidade de Salamanca. Precisamente na época salmantina é cando cambia de nome, aparecendo matriculado durante o curso 171617 como Fr. Martín Sarmiento. Este cambio de identidade debeuse á coincidencia de apelidos García e Balboa con outros compañeiros de estudios, polo que elixiu ou lle elixiron o segundo de súa nai, Sarmiento; pola súa banda, adoptou o nome de Martín en honor ó patrón do convento no que profesou. Frei Martín Sarmiento pasa os anos posteriores nos conventos benedictinos de San Pedro de Eslonza (León), San Salvador de Celorio (Asturias) e San Vicente de Oviedo; é aquí onde coincide con Feijoo, que se convertería desde entón no seu máis apreciado mestre e amigo. En 1724 prodúcese a abdicación de Felipe V e o comezo do efémero reinado de Luís I, xa que as varíolas acabaron con el o mesmo ano da súa entronización, obrigando a Felipe V a volver empuñar o cetro. A etapa leonesa e asturiana do Padre Sarmiento remata en 1725, cando retorna a Madrid, non sen antes viaxar ata Pontevedra para se despedir da súa nai, que contaba xa con 75 anos. Desta viaxe por terras galegas proceden as numerosas referencias (Ribadeo, Mondoñedo, Betanzos, A Coruña, Santiago, Pontevedra, Tui, Ourense) que podemos atopar espalladas polos seus escritos. Os seguintes vinte anos de residencia madrileña só foron interrompidos por quince meses de estadía en Toledo, entre 1726 e 1727. Non deixa de aproveitar a oportunidade que lle concede a celebración do Capítulo Xeral da Orde en Valladolid (1745) para realizar unha nova e anhelada viaxe a Galicia, que se prolonga durante sete meses, entre 1745 e 1746. Este momento, cando xa tiña 50 anos e notaba a súa cabeza chea de ?voces? pero baleira de ?cousas?, coincide cunha especie de crise da súa vocación etimolóxica e co inicio dun novo interese por outros ámbitos científicos ata ese momento
Nº 363 168