BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudios e investigacións sobre o P. Sarmiento
Sen embargo, a pesar do visible interese polos antigos habitantes celtas do país e por tracexar as pegadas lingüísticas que deles se conservaran, Sarmiento non considerou aos celtas como os únicos devanceiros do pobo galego, e nin sequera como os máis importantes. Neste punto reside a principal diferencia esencial entre el e os celtistas galegos do XIX, quen fixeron dos celtas a cerna da identidade galega. Pois frei Martín nunca dubidou que foi a civilización romana de entre todas as da Antigüidade a que deixou unha impresión máis fonda e duradeira na configuración de Galicia como país diferenciado (comezando, claro está, polo idioma). Dominación romana e orixes do cristianismo O achegamento do bieito galego ás antigüidades romanas de Galicia estaba igualmente relacionado con algunhas das súas preocupacións permanentes: a lingüística, a xeografía e a combinación de ambas as dúas na toponimia. En efecto, a diferencia dos anticuarios que o precederan, Sarmiento non se limitou a repetir o que xa dixeran os autores grecolatinos verbo do proceso de conquista do territorio galaico por parte das lexións de Roma, nin a inventar novos episodios relacionados co mesmo. En troques, el interesouse polo estudio da xeografía antiga da Gallæcia romana: é dicir, coñecer o trazado que seguían as vías romanas e as distancias que había entre as sucesivas etapas do seu percorrido; así como determinar a localización actual dos antigos lugares de poboación, ou das ?mansións? situadas ao longo dos camiños, que aparecían citados nas fontes clásicas (5). Para levar a cabo ese estudio tivo que combinar unha análise polo miúdo dos textos antigos; a observación da topografía e da toponimia (non só a actual, senón tamén a medieval, a cal el coñecía a través dos documentos medievais que tanto gustaba de ler); e o uso de inscricións romanas descubertas en Galicia, nomeadamente dos ?miliarios? que indicaban as distancias existentes entre as localidades principais unidas polas estradas que construíran os romanos. Esta metodoloxía non era unha novidade no eido das antigüidades españolas e galegas. Xa no século XVI Ambrosio de Morales establecera os métodos básicos para a investigación da xeografía antiga peninsular, mediante esa mesma combinación de textos, topografía, toponimia e restos arqueolóxicos. Do mesmo xeito, na historiografía galega do XVII foron frecuentes as identificacións das poboacións antigas coas actuais, e incluso o emprego de inscricións romanas con ese e con outros obxectivos estaba presente en certos escritores. E sen embargo, dentro das antigüidades galegas, as novidades que introduciu Sarmiento neste campo de investigacións anticuarias foron considerables por varios motivos. Primeiro, porque fixo da xeografía antiga un elemento central da antiga historia de Galicia (algo que despois continuaría Joseph Cornide). Segundo, porque achegou unha indiscutible calidade e superioridade intelectual, gracias a unha ampla familiaridade cos diversos aspectos das antigüidades romanas (textos, epigrafía, numismática, construcción das vías) e ao detallado coñecemento da xeografía e da lingua galegas. E terceiro, porNº 363 154