Estudios e investigacións sobre o P. Sarmiento
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
exemplo, a illa Silura na Galicia (a actual Sálvora) e o antigo pobo dos Siluros de Britania; ou o río Dubra na primeira e o Portus Dubris (Dover) na segunda. Unha segunda migración, de celtas procedentes das Galias aquela que consignaran as fontes clásicas e recolleran os autores dos séculos XVI e XVII, que estaba testemuñada polos escritores da Antigüidade e mailas semellanzas entre os vestixios das linguas celtas da Galia e de Galicia. E por último dúas migracións de pobos celtas acontecidas xa en tempos plenamente ?históricos?: primeiro a dos suevos e despois a dos godos. Como consecuencia destes movementos de poboación que resultaban sempre nun mesmo destino final, Sarmiento concluía que Galicia foi sempre o remate das distintas ?transmigracións? dos celtas. Aínda que hoxe nos pareza estraño, e erróneo, incluír a suevos e godos dentro dos pobos celtas, porén cómpre entender as opinións de Sarmiento dentro das teorías acerca dos celtas que eran frecuentes nos seus días. Numerosos investigadores das linguas e das culturas antigas nomeadamente alemáns coidaban entón que os celtas e os xermanos da Antigüidade formaran parte dun mesmo pobo, que posuíran idéntica orixe, modos de vida semellantes e unha mesma lingua dividida en varios dialectos. Xa que logo, non era raro que eses eruditos procurasen demostrar os vencellos que existían entre as falas célticas (antigo galo, bretón e galés actuais) e as linguas xermánicas do pasado e do presente (4). Exemplo desta postura eran as teses do filósofo e lingüista alemán Gottfried W. Leibniz. Precisamente Sarmiento citaba os traballos lingüísticos de Leibniz, recollidos nas Collectanea Etymologica (que Sarmiento posuía), a prol desa unidade celtoxermana. Por iso el tamén abranguía baixo a categoría de celtas a todos os antigos poboadores da Europa setentrional. ?Este nombre Celtas no solo significa los países de Francia [é dicir, as Galias], sino tambien á todo género de países Septentrionales, Scythas, Sármatas, Germanos, Britanos, Getas, y Cymbrios?, dicía nas páxinas das Memorias para la Historia de la Poesía, y Poetas españoles. É de salientar que o achegamento de Sarmiento á cuestión do poboamento celta en Galicia facíase dende unha perspectiva en grande parte lingüística, como tamén eran lingüísticos os testemuños que presentaba a prol das súas opinións, así como o obxectivo fundamental das súas investigacións: a saber, sinalar as achegas da lingua celta ao idioma galego. El calculaba que de cen palabras galegas, noventa derivaban do latín e as dez restantes tiñan unha procedencia céltica, calquera que for a época na que se introduciron en Galicia. Neste sentido, gracias á hipótese das sucesivas migracións celtas, abríase un amplo eido de investigación lingüística para o anticuario, quen debería individualizar dentro do ?substrato céltico? as palabras que pertencían ás diferentes camadas lingüísticas correspondentes a cada un dos movementos migratorios dos celtas (labor que Sarmiento deixou unicamente apuntado). Para iso cumpría axudarse dos diccionarios, gramáticas e glosarios que existían para as linguas, antigas e modernas, da Europa setentrional.
153 Nº 363