BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudios e investigacións sobre o P. Sarmiento
territorio (principalmente entre Fisterra e Viveiro). Esta era a cerna do relato histórico co cal daba conta da presencia dos celtas en Galicia. Con todo, non era novidoso, pois Sarmiento seguía a historiografía peninsular anterior e, por suposto, baseábase naquelas fontes grecoromanas que falaran de certos pobos célticos asentados nas terras galaicas (en Estrabón, Plinio ou Pomponio Mela). Moito máis novidosa era a procura de elementos célticos na toponimia galega, algo que non fixeran os seus predecesores e que sen dúbida obedecía a un continuo interese pola lingüística. Por medio das supervivencias lingüísticas dos antigos celtas el pretendía confirmar a presencia dos mesmos no territorio galego. E así, nomes de lugar como Dubra, Lambre, Cambre, Tiobre, Fiobre ou Barallobre, informaban ao atento anticuario do paso dos celtas por esas terras. Pero ademais, gracias a unha interpretación atenta da toponimia, o anticuario sería quen nalgúns casos de dexergar e de determinar os límites territoriais de agrupamentos concretos dos celtas. Por exemplo, nos límites do arciprestado compostelán de Postomarcos el cría atopar un testemuño serodio do territorio dos antigos celtas Præsamarcos, que precisamente deixaran o seu nome na toponimia posterior; e o mesmo acontecía co arciprestado de Céltigos, que fora na Antigüidade o territorio da agrupación dos Célticos. Outros pobos que Sarmiento identificou como celtas malia que nin as fontes clásicas, nin a historiografía anterior fixeran tal deixaran igualmente os seus nomes na xeografía da nosa terra e así daban conta dos asentamentos orixinais: os Nemetes en Nendos, os Tiburos en Tribes, os Carnotenses en Carnota, os Brigantes en Bergantiños, etc. Ademais, apelacións tribais como as de Carnotanos, Centrones ou Nemetanos aparecían tamén na Galia, o berce deses pobos celtas. Na arela por descubrir vestixios lingüísticos dos celtas non se limitou á toponimia senón que se interesou igualmente polo que hoxe chamariamos o ?substrato céltico? do idioma galego, adiantando así, máis unha vez, enfoques que logo serían habituais entre os celtistas decimonónicos. Se ben non se ocupou desta cuestión de maneira detallada e sistemática admitindo un coñecemento insuficiente das linguas celtas, hoxe podemos atopar, esparexidas polos seus escritos lingüísticos, curiosas observacións acerca da posible ascendencia céltica de certas palabras galegas: laverca, biqueira, britar, maragota, xistra, braña... Incluso foi el o precursor dunha idea moi querida polos escritores galegos do XIX: a orixe celta da gaita, o instrumento musical que se convertería nun símbolo da cultura galega. Co tempo Sarmiento desenvolveu unha teoría máis complexa sobre a presencia celta en Galicia, a cal incluía non unha única irrupción dos celtas no territorio galego (como se recollía na historiografía anterior), senón catro vagas migratorias diferentes. Ese esquema migratorio aparecía na Obra de 660 pliegos e pode resumirse deste xeito. Unha primeira migración que el non situaba cronoloxicamente que levara aos celtas das illas británicas a se instalaren en Galicia e por toda a costa setentrional da península. Dela ficaban como probas certas semellanzas toponímicas entre Galicia e Gran Bretaña: por
Nº 363 152