BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudos e investigacións sobre Manuel Lugrís Freire
Pero entre todos os actos públicos temos que salientar, con especial relevancia, o discurso pronunciado o día 7 de outubro do 1907 na praza de Betanzos, importante núcleo do asociacionismo agrario da man de líderes propagandistas como Xan Golpe e Vítor Naveira, nun mitin do sindicato Solidaridad Gallega, co gallo da visita de varios políticos cataláns, entre eles Odón de Buen e Vazquez de Mella, o que constitúe a primeira peza oratoria en galego na que se introduce o noso idioma como instrumento de utilización pública no eido político. Era día de mercado con sol e moita concorrencia de labregos da bisbarra que estaban a realizar todos os trámites e tarefas propios de súa visita mensual á vila dos Cabaleiros. Diante da expectación e mesmo desconfianza dos asistentes que se arremuíñan ao palco da música onde se sitúan os oradores, Lugrís toma a palabra dirixíndose ?os mariñans e montañeses, homes traballadores e honrados?, aos que fai chegar as súas teimas polo mal da emigración e fálalles da importancia de unirse e do asociacionismo como única forma de defensa fronte dos caciques e loitar, como xa fixeran os irmandiños noutros tempos contra o abuso dos señores, rematando cun pequeno conto, a xeito de parábola bíblica, que fai levantar fortes aplausos e afogueiradas alusións á oratoria arrebatada de Lugrís, quen nos cinco anos que durou a experiencia solidaria, percorre moitas aldeas e parroquias, estando a propagar e alentar a solidariedade cun discurso didáctico que chega a todos. Este acto de Betanzos, independentemente do seu valor histórico, tivo unha gran repercusión a nivel social porque establecía as verdadeiras causas da dependencia a que se obrigaba o agro ao estar inserido dentro dunha problemática estatal que lle era allea. Lugrís xa puxo, naquel intre, os baseamentos políticos da liberación do campo galego e da súa real situación colonial. Por certo, que neste acto quixo substituír a palabra cacique, de orixe antillana, por outro vocábulo propio e usou a verba ?bexato? como equiparación galega ao termo caribeño, que tivo éxito entre os republicanos presentes pero que no futuro non prosperou. No semanario La Defensa, órgano dos agrarios betanceiros, lese que acudiron máis de nove mil persoas ao devandito mitin e destácase a presenza, entre os intervenientes, do ex presidente da Primeira República, don Nicolás Salmerón. A vea oratoria de Lugrís foi moi prolífica. A súa envergadura física, á vez forte e rexo, e un verbo doado e acendido, era a coreografía perfecta para as xuntanzas dun movemento que aínda estaba nos seus albores. Causaba abraio nos auditorios ver un home coa indumentaria de señor cidadán, falar en galego en público. Durante os anos en que tivo vixencia a impronta de Solidaridad Gallega sabemos de mitins dados en Cambre, Bergondo, A Coruña, Carral, Sarandóns e Abegondo amais dos seus coñecidos discursos do 5 de febreiro de 1917 en Ferrol, dentro do labor difusor das Irmandades xunto a Tettamancy e Rodríguez González e o do 20 de novembro de 1923 no Teatro Rosalía Castro da Coruña en conmemoración do IV Centenario de Camões no que dá lectura ao poema do seu amigo Pondal ?A Fala?, recollido como aditamento en prosa na edición de ArdenNº 367 70