Estudos e investigacións sobre Manuel Lugrís Freire
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
activamente nas asembleas de Lugo e Santiago, escribe a composición poética identificativa, como himno das mesmas, sendo case permanentemente membro vogal do Consello da agrupación coruñesa na que imparte, quizais por primeira vez na historia do noso idioma, un curso de galego con clases os martes e os xoves, que tivo unha grande acollida de asistencia, feito polo que lle dan o título de Mestre da Fala, e pronuncia infinidade de conferencias sobre os máis diversos temas como a do 16 de marzo de 1923 sobre ?Etnografía Gallega? que tivo unha enorme repercusión nos círculos galeguistas da cidade. Toma parte na coroación poética de Curros Enríquez e máis tarde participa, igualmente, no Seminario de Estudos Galegos (1923) na Sección de Arte e Letras baixo a dirección de Castelao cun discurso de ingreso no que trata a figura de Eduardo Pondal. Máis tarde será o encargado de pronunciar o discurso na homenaxe que lle dedica o Seminario a Carolina Michaëlis de Vasconcellos e sendo inscrito de Socio Emérito no Instituto Histórico do Minho en Portugal (1934), alcanza un renome fóra de Galicia para a súa obra, singularmente a Gramática, que se converte nun libro de referencia do noso idioma. No seu sentimento fica tamén moi fonda a homenaxe que lle rende o seu pobo natal de Sada o 15 de xuño de 1926 ao ser nomeado fillo predilecto e colocar o seu retrato no salón de sesións do Concello que, na súa idealización relembra a ascendencia de Rafael Freire de Andrade, alcalde e heroe da resistencia contra dos franceses que el trata en varios dos seus textos como conexión entre a realidade e o mundo imaxinativo que fai difícil establecer os lindeiros entre ambos. En 1930 é obxecto, tamén, doutra homenaxe da sociedade ?Sada y sus contornos? que recibe en compañía de toda a súa familia e de queridos amigos que desexan estar presentes na demostración de gratitude que lle ofrecen pola súa entrega e dedicación a difundir en todos os eidos da arte e das letras a paisaxe, as xentes e mesmo a problemática de Sada. A vinculación coa cidade faise constante e é digna de ser salientada a súa romaxe particular e anual o 15 de agosto á Festa da Raíña dos Ánxeles, dentro dunha especie de devoción civil dificilmente manifestada e que apreme interiormente os recordos, as señardades e o sensible na flor de pel de toda unha vida. Era na igrexa onde fora bautizado e permanece calado, nun aceno de meditación sen palabras que desaparece logo cando debía acudir ao xantar nalgunha das casas que rifaban por telo como invitado, de tal xeito que houbo anos en que tivo que pasar máis días na localidade para atender a todos os convites. Este período, centrado na década dos anos vinte, é especialmente prolífico na actividade participativa e na marcaxe ideolóxica que está a definirse a partir dun consolidado galeguismo que se decanta, cada vez máis, cara ao obxectivo soberanista e que arma o seu corpo con eixes do republicanismo, o autonomismo e unha certa concepción valorativa dos principios democráticos e humanísticos como baseamento de todo este edificio de ideas que o levan a ingresar na Loxa Masónica ?Suevia? da Coruña en 1926, co nome simbólico de Servet como grao 1º e na que permanece até o ano 1933.
69 Nº 367