BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudios e investigacións sobre o P. Sarmiento
É certo que no Onomástico hai algunhas páxinas entusiastas a favor do galego (nunha delas figura a lección da paralaxe), pero, no esencial, é un libro moi erudito de Lingüística galega (sobre todo de Onomástica) que, arredor de 1960 (non digo en 1944), non alporizaría ás autoridades políticas. Está claro que Sánchez Cantón, ademais de franquista, non quería telo menor roce cos ortodoxos do sistema. Porque algo máis se podía facer. En Galicia, un galeguista, o inspector de ensino primario Luís Viñas Cortegoso, publicou moi pouco despois, en 1952, en Edicións Monterrey (Vigo), outra viaxe de Sarmiento, libro ?sen faltarlle ó respecto ó de 1950? máis vivo, de máis celme e cheo de noticias sobre o autor moi interesantes. Titúlase Vida y viajes literarios... e lese case como unha novela24. Páxinas hai nas que abrolla, coa gracia de sempre, o galeguista avant la lettre que foi o Padre Sarmiento. Por exemplo:
Y es bárbara crueldad y necedad excusada que unos forasteros enseñen a los niños gallegos mediante la lengua castellana, que no saben, la lengua anticuada [o latín] que no deben saber, y castigándoles si se les escapa alguna voz o frase gallega de las que han mamado. Todo maestro de Gramática que no fuera gallego y erudito en su lengua patria, se debe excluir de ser maestro de niños gallegos, aunque sea un Cicerón o un Quintiliano (pp. 3435).
A edición, coidada e fermosa, contén, ademais do prólogo e das notas de Viñas Cortegoso, unhas ?Aportaciones para un Catálogo de los escritos del Rvdo. P. Fray Martín Sarmiento que han sido impresos?. Daquela, 1952, era o mellor catálogo do ramo. Volvéndomos ó labor do Instituto, é de xustiza sinalar que existe un traballo de Filgueira Valverde que non debe omitirse. Titúlase ?El plan de estudios gallegos ideado por el P. Sarmiento? e foi publicado en 194725. Quen fora un activo ?seminarista?, agora, nas coordenadas de 1947, sen abdicar da súa intelixencia, expón o programa de estudios que Sarmiento trazara para Galicia, pero omite as referencias que o autor do programa fai, en tantas ocasións, á presencia e á necesidade da lingua galega. Nun momento, sen embargo, o exseminarista exprésase deste xeito: ?El Onomástico era lectura obligada de los fundadores del Seminario en el momento en que surgió la idea de constituirlo...? (p. 32). Pero o Onomástico non foi reeditado polo Instituto pese a que da edición de Tui, de 1923, por ser en folletín, había moi poucos exemplares. Houbo que agardar décadas para que o profesor Pensado nos ofrecese a súa erudita edición (1999), moito máis fiable cá voluntariosa de Tui, da que foi responsable o bispo Manuel Lago González. 5.2. Sarmiento, na Arxentina, cos exiliados galegos (19421964) Luís Seoane, que foi tantas cousas nas Artes e nas Letras, foi tamén un editor, un editor sen o cal no discurso literario e intelectual galego habería, entre 1937 e 1960, lagoas moi
Nº 363 18