BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Alocucións académicas sobre o P. Sarmiento no Día das Letras Galegas
lle dedicara páxinas digamos que solidarias. Como home da súa Relixión (digo orde), do seu rexime, estamentalista sen dúbida, desexa cambios en favor do pobo, dos humildes, de Galicia, e en desfavor da sin razón política. Pro venta e teme, lúcido, a Revolución. Ollai vós: Sarmiento, neste poema, excelente e único, que saíu ao mundo sen antecedentes e cuxo autor non coñeceu competidores ou en vida sucesores, pon os alicerces do Rexurdimento literario e da construcción nacional da Galicia contemporánea. Difundido despois de 1745, o Coloquio coñeceu copias e mais copias manuscritas. Xa nunca máis deixou de influir e de ser farol que indicaba un rumo. Axeitos indícanos como, en Pontevedra, os de El Pais o reivindican. Xoán Manuel Pintos edítao. Logo, o esquema dos fitos principais do noso Rexurdimento son, nunha década que fundamenta o presente da literatura galega: O Coloquio de Sarmiento no XVIII e na base do movemento; en 1853 a Gaita Gallega de Pintos; en 1859 a edición do Coloquio de Sarmiento polo mesmo Pintos; en 1861 os Ensaios de Fernández Morales; en 1862 o Album de la Caridad; Cantares de Rosalía de Castro en 1863. Penso eu, polo tanto, que o Coloquio foi lido ben polos Precursores e, entre eles, acadou o eco de que era merecente. Suscitou un sistema, que se foi articulando ao seu redor e o seu influxo central aínda proseguiu durante un tempo mais dilatado. Entre 1876 e 1890, Valentín Lamas Carvajal non acha mellor título para un periódico en galego ca o de O Tio Marcos da Portela. En 18881889, o mesmo Lamas non volve atopar mellor nome de autor ficticio do seu Catecismo do Labrego (un dos libros galegos máis lidos de todos os tempos) ca o do heterónimo do Padre Sarmiento, agora vestido de cirolas e ao tempo que fardado de frade transgresor. Aínda no 1898 o maragatogalego Antolín López Peláez, devoto de Sarmiento, edita de novo as Coplas. Elas seguen a rexer. Sarmiento, Marcos de Portela, as Coplas, están na base do Rexurdimento Galego. E iso merece considerar varias cousas. Que son estas: as Coplas estabelecen un modelo fixo, ou eixo tópico, sobre o que xira toda a literatura galega posterior. O pobre como protagonista narrativo; a crítica anticlerical; a gaita, a sanfona, a muiñeira e a chouteira (ghota) como distintivos tradicionais; a Saudade como verba superior e simbólica que serve para identificar privilexiadamente a nosa literatura nacional; e outras varias cousas que agora non son do caso pro entre as cales incluiríamos a Paisaxe, sequer en estado embrionario. E aínda: unha proposta de lingua culta diferenciada da portuguesa e da castelá, acompañada do seu correlato de programa ortográfico. Todo estivo primeiro nas Coplas, tan desprezadas, de Sarmiento. Señoras e señores académicos, señoras e señores convidados, beizón por me terdes aturado. Dixen. * Texto lido o día 18 de maio do 2002 no Teatro Vilafranquino de Vilafranca do Bierzo, no acto literario co que a RAG honrou ao Padre Sarmiento.
Nº 363 236