BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudos e investigacións sobre Xosé María Álvarez Blázquez
ceso de experimentación lúdica que hai que pór en relación directa cos seus estudos sobre a nosa lírica trobadoresca. O libro, que leva a data no colofón de 28 de decembro de 1953 é, sen dúbida a inocentada máis brillante e famosa da nosa literatura, pero ao tempo é algo moito máis serio e consistente, amosando que o lúdico e o erudito non son en absoluto incompatíbeis. O autor preséntase como descubridor dun cancioneiro medieval, do que nos ofrece unha suposta edición crítica e un limiar, no que entre liñas se pode ler e entender o xogo literario, inserindo nel supostos poemas atribuídos a poetas reais, outros aparentemente anónimos e mesmo creando trobadores ficticios como Don Álvaro de Soutomor ou Golparro. O limiar, cheo de fino humor, é unha exquisita peza literaria (Álvarez Cáccamo 2003). Nel podemos ler este parágrafo no que atribúe a un poeta tudense Golparro o poema ao que xa nos referimos e que comeza ?Madre, a San Treeçon irei...?, establecendo un sutil xogo de identificación, xa que como é ben coñecido o poeta era tamén tudense:
Outra das cantigas anónimas, aquila fermosa de amigo con que remata o manuscrito, e na que o trobeiro matina que a namorada vai á romería de San Treeçon a se bañar no río, sitúanos, axiña de finada a lectura, no camiño do autor. Pra min, ten de ser o xograr Golparro, deica agora conecido por unha senlleira cantiga do mesmo feitío, onde fai enmenta da romaxe de aquil santo. Sabido é que a ermida de San Treeçon, ou Tirso, era a que no século XIII ocupaba o lugar que logo tivo a de San Xohán do Porto, nos arrabaldos de Tui, e precisamente á beira do Miño. A vecindade da ermida e do río, xa de primeiras feita patente nista nova composición, ven dar a meirande seguranza á localización que se tiña postulado. Golparro, cuio alcuñe de gran raposo desdícese da súa non roubada inspiración, sería cicais nado en Tui, a carón da famosa ermida e do río que canta. Unha íntima convinción díceme que o autor dista cantiga é tudense; ninguén me poderá afastar dela. (Álvarez Blázquez 1987: 85)
Nesa íntima convicción, nese xogo de identificación entre o editor (autor) e o suposto poeta medieval xa sitúa o texto no plano da creación e non da simple erudición. Outros elementos como o baño, a natureza e o delicado erotismo, marcan unha lene mais evidente posibilidade de lectura desde un ámbito non exclusivamente arqueolóxico. Estamos perante todo un exercicio de sensibilidade e intelixencia dun poeta dono dun mundo persoal e dunha técnica refinada, velaí o seu Canle segredo, un dos nosos mellores poemarios da posguerra, fortemente enraizado nunha tradición cultural propia ?galega e popular? pero que se serve de xeito maxistral das técnicas máis depuradas, que utiliza como poucos a linguaxe poética para facer fluír o sentido da vida, a natureza, o gozo e a dor da existencia por medio dunha expresión poética que bebe directamente nas fontes populares e medievais.
Nº 369
86