BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudos e investigacións sobre Xosé María Álvarez Blázquez
lares, creaba novos xeitos de expresión refinados. Estas dúas fidelidades o popular e o medieval van estar sempre presentes no escritor, quer na súa obra de creación poética, quer no seu labor de investigador. De feito, xa en 1936 Xosé María Álvarez Blázquez expresara na correspondencia con Xosé Filgueira Valverde, por mor do proxecto Os poetas galegos. Antoloxía consultada, estes referentes inequívocos cando afirma ?antre os tomos da nosa lírica agardo entusiasmado o dos Canzoeiros? (Filgueira Valverde 2008: 302). No mesmo texto, xa no inquérito, o autor lígase ao Seminario de Estudos Galegos e reafirma as súas convicións sinalando como alicerce da súa formación a lírica medieval: ?No galego, prefiro os Canzoeiros: no universal, prefiro o galego? (Filgueira Valverde 2008: 304). Esta procura da tradición como recuperación das orixes é aínda máis marcada na súa poética, na que sinala o seu distanciamento de certas correntes vangardistas, que pola referencia á poesía española e pola cronoloxía (?hai dez anos?) debemos situar na órbita do ultraísmo, que efectivamente tivo certa presenza e influencia na poesía galega desta altura. Critícaas por seren alleas á tradición nacional e pola contundencia da súa expresión debemos entender que o seu rexeitamento inclúe todas as correntes poéticas con selo vangardista. Eis as palabras do poeta:
A miña opinión niste senso resúmese en dúas verbas: é percisa unha volta aos Canzoeiros e un afastamento radical disa corrente que foi snobista hai dez anos e nos, seguindo o exempro de Castela, acollímola tarde, pra nosa desgracia, que tamén houbera sido desgracia ainda que a acolléramos cedo. E un espectáculo tristeiro de mais ollar coma os poetas nosos fuxen dos recursos que a nosa língua, a nosa paisaxe i a nosa raza lles emprestan, pra adoutar unha postura incómoda de servil imitación allea, cando podiamos, coma outrora, encher o mundo inteiro coas nosas cantigas ios cantares de amigo e de amor. Algo faise niste senso, mais non abonda. E perciso faguer de Martin Codax e de Macías os poetas do día [...] (Filgueira Valverde 2008: 304)
Este facer de ?Martin Codax e de Macías os poetas do día? estaba no horizonte de toda a súa xeración, aínda que é evidente que non todos o entendían do mesmo xeito, neste sentido é ben ilustrativa a crítica de Álvarez Blázquez á poesía de Cunqueiro, que xa publicara nesa altura o seu neotrobadoresco Cantiga nova que se chama riveira e os vangardista Mar ao norde e Poemas do si e non e sobre o que opina que fai unha obra afastada do celme popular, afirmando que ?a poesía cando non é do pobo, pérdese como o arte todo, como aconteceu na Hespaña cos Góngoras, na Italia cos Marinos, na Inglaterra cos Leylys, e coma na Galiza queren hoxe, con catro séculos de retraso, algún que outro Cunqueiro, de verdadeiro temperamento lírico, de certo, mais no intre coáseque a naufragar? (Filgueira Valverde 2008: 305). Esta preferencia pola lírica popular e medieval vai mantela Álvarez Blázquez ao longo da súa vida e o Cancioeiro de Monfero vai ser debedor da erudición medieval do autor, que dedicará centos de páxinas á lírica trobadoresca entre as que podemos destaNº 369 82