Estudos e investigacións sobre Xosé María Álvarez Blázquez
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
O abraio e conmoción que a lectura da lírica medieval provoca nos poetas novos fai que viren os seus ollos cara á tradición, introducindo na súa poesía numerosos elementos estilísticos e temáticos trobadorescos. Os mozos intelectuais dos anos vinte e trinta achan nos xograres e trobadores medievais o referente de clasicidade co que dialogaren e que a nosa literatura precisaba. En xeral non se produce unha pura mímese, mais si unha recreación e reformulación de estilos e temas, acrecentando imaxes propias da poesía moderna. O neotrobadorismo tivo precedentes, como o filósofo e poeta Johán Vicente Viqueira, que deu a coñecer en revistas e xornais composicións neotrobadorescas desde 1919. Tamén o poeta catalán Carles Riba escribiu en 1911 poemas trobadorescos en galego, neste caso sen ningunha repercusión no desenvolvemento da nosa lírica ao non seren coñecidos até hai ben poucos anos. Os representantes sobranceiros desta corrente son Fermín Bouza Brey e Álvaro Cunqueiro, pero o neotrobadorismo tivo unha amplo seguimento que inclúe nomes como Xosé María Álvarez Blázquez, Xosé Filgueira Valverde, Ricardo Carballo Calero, Xosé Díaz Jácome ou Eduardo Blanco Amor (López 1997: 159199). Aínda despois da guerra perdura en obras salientábeis como Dona do corpo delgado (1950) de Álvaro Cunqueiro ou Cancioeiro de Monfero (1953) de Xosé María Álvarez Blázquez. Fermín Bouza Brey (Ponteareas, 1901Compostela, 1973) representa a primeira versión da pegada medievalista. En 1933 dá ao prelo Nao senlleira. O neotrobadorismo de Bouza está máis pegado á tradición, popularista e clasicista, cunha concepción panteísta da natureza e unha recreación da paisaxe externa en canto que prolongación da xeografía interior, aspecto este último que foi salientado por críticos como X. M. Enríquez. En 1935 publica Seitura en moitos aspectos continuador da súa concepción formal e estética. Álvaro Cunqueiro (Mondoñedo, 1911Vigo, 1981), menos apegado a concepcións arqueolóxicas e eruditas, é autor de Cantiga nova que se chama riveira (1933), quizais o máis significativo libro do movemento, conxugando tradición e modernidade, co emprego de procedementos vangardistas na procura dun impacto o máis directo posíbel. En Cantiga nova que se chama riveira a economía verbal, a eliminación do elemento narrativo, que podemos achar nalgúns poemas, fai que textos aparentemente debedores da estética trobadoresca sexan en realidade poemas nos que a palabra sintetiza e evoca e o lector debe completar a suxestión, seguindo técnicas plenamente modernas. Nun contexto cronolóxico ben distinto, en 1953, Xosé María Álvarez Blázquez publica o seu Cancioeiro de Monfero, libro dun autor que se formara na época da República, nunha altura na que a poesía galega bebía nas fontes imaxinistas deitadas pola obra poética de Luís Amado Carballo, en canto o neotrobadorismo de Fermín Bouza Brey e Álvaro Cunqueiro, inspirado na vea medieval da lírica galega e nas formas popu81 Nº 369