BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudos e investigacións sobre Xosé María Álvarez Blázquez
perante un acto salvador que quere proxectarse do pasado ao futuro. O poeta acha daquela nas nosas orixes literarias un lar, que se converte en causa dunha nova fascinación e permite recrear un imaxinario común, afastado no tempo mais vivamente sentido como propio, mítico, cálido e misterioso ao tempo. Na difícil supervivencia da posguerra este sentido do referente medieval aínda se agudiza máis, ao ser dos poucos aspectos culturais galegos algo tolerados polo réxime, xa que o entende desde un arcaísmo máis ou menos inofensivo. Para o mundo intelectual galego o trobadorismo é parte da casa común da nosa cultura, así os poetas non só o empregan como estilo literario (neotrobadorismo) senón como referente poético mesmo cando non se pode explicitar a motivación política que inspira uns versos; velaí o poema de Xosé María Álvarez Blázquez dedicado ao intelectual nacionalista Plácido Castro en 1948 cando este marcha ao exilio (Bernárdez 2008: 36) e no que todos os referentes ligados ao abandono da Terra son escenificados con alusións á lírica medieval: ondas de Vigo, Martín Codax, cantar de amigo, ?beilada? (Álvarez Bláquez 1987: 142):
A Plácido R. Castro Eu quero que che sigan polas ondas os ecos de Martin Codax de Vigo e no ouvido che canten antre as frondas seus ledos soes de cantar de amigo. Falas antergas a voar nos ares, beilada inxel de piñeiral sonoro, marmurios garimosos destes mares, formen pra ti seu amizábel coro. E cando teñas a lembranza arreo, posta na señardade e na poesía, aló, na soedá do chan alleo, encosta a ialma no solpor dun día de brétema, e terás, o peito cheo de ese viño sin par: malenconía.
A un contexto semellante hai que atribuír a presenza da lírica medieval na pintura galega dos anos corenta. Un exemplo excelente é o de Urbano Lugrís que en cadros como Berbés (1943) insire un libro, a xeito de natureza morta, co nome de Martín Codax e enriba unha vieira (Bernárdez 2008: 111). O éxito desta articulación é indubidábel, de todos os xeitos, na súa facilidade estaba latente o perigo de conformismo e de autocompracencia que acompañou a certa poesía galega da primeira posguerra. Pero en principio o encontro entre a cultura erudita, a popular e a tradición medieval é positivo para a nosa literatura, actuando como elemento catalizador a intensa conciencia nacional de moitos dos escritores e a vontade de reconstrución da identidade.
Nº 369 80