Estudios e investigacións sobre o P. Sarmiento
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
ca modernas acadaron o seu máximo desenvolvemento. Incluso se poderían considerar como os últimos alentos da política científica ilustrada actividades que se fixeron realidade despois da Guerra da Independencia, aínda que foran decididas antes, como foron os casos da compra do Gabinete de Física na Universidade (1816) e a creación dos Colexios Prácticos, Militar (1811) e de Farmacia (1815). Sarmiento e a medicina Sarmiento, sendo aínda moi novo, con 31 anos, baixase xa á área das discusións médicas do primeiro tercio do século XVIII español, fondamente axitadas polas teorías do escepticismo médico de Martín Martínez e, sobre todo, pola publicación do Teatro Chritico de Feixoo. Preséntase co escrito Martinus contra Martinum, (1726) onde se lanza, cun texto de estilo irónico e destemperado, contra o Dr. Martín Pascual polas críticas vertidas contra o ?Discurso CríticoMédico del Rmo. Pe. Maestro? e continúa nun tomo máis moderado, anos máis tarde, coa Demostración críticoapologética (1739). Nesta primeira etapa, amósase, segundo García Guerra, D. (1997)24 máis ?como un novator o un escéptico que un ilustrado?, é dicir, defendendo a necesidade da utilización da observación e a experiencia como bases do saber médico e sumándose ás fortes críticas que o galenismo tradicional estaba a recibir, maiormente no relacionado coas prácticas das sangrías e as purgas. A necesidade dos coñecementos anatómicos e a observación directa da enfermidade contraponos a toda a carga de retórica e saberes inútiles que acumula o médico no seu paso polas universidades o cal deriva nunha ?charlatanería? que envolve, engana e apampa os seus pacientes:
Pues solo en esto consigue su fama mal ganada en charlatar de todo, como quien no sabe de nada, y el que mas precipitada tuviere la disentería de Charla, este es el que mas confianza colige del Vulgo, y de quien el vulgo sale mas defraudado (Martinus con
tra Martinum, 1726)
Nesta primeira época o pensamento médico de Sarmiento amosa unha fonda crenza na Natureza como forza sandadora, o que se pode relacionar co renacemento do hipocratismo en España, que se produce na primeira metade do XVIII (García Guerra, 1997)25 da que Feixoo foi unha referencia esencial. Isto levouno á valoración como remedios terapéuticos fundamentais ós de orixe natural derivados tanto do reino vexetal, como animal ou mineral. De tódolos xeitos este hipocratismo dos seus anos novos, e nisto diferenciábase do seu pensamento médico posterior, admitía tamén nunha certa medida os medicamentos ?Chímicos? derivados de operacións iatroquímicas que practicaban maiormente ós boticarios. Por iso critica o atraso de España nos coñecementos químicos26 esixindo unha posta o día nestas materias dos profesionais sanitarios aínda que, noutra volta, volve coas súas teimas e receos diante dos médicos, polo que a pesar
51 Nº 363