Estudios e investigacións sobre o P. Sarmiento
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
máis especulativas como a xeometría ían ser desprazadas dos centros de interese por outras máis aplicadas como a física experimental. No eido da bioloxía son os anos nos que aparecen as primeiras traduccións de Buffon. A última etapa, da que se pode situalo seu comezo en 1765, data da fundación da Sociedade Vascongada de Amigos del País, correspóndese xa coa reforma efectiva das universidades e a creación de todo un amplo abano de sociedades patrióticas onde a educación do pobo e a procura de solucións ós problemas da agricultura, o comercio e as industrias artesanais son os principais obxectivos. E así como as etapas anteriores poden definirse como ?crítica? e ?reformadora?, esta podería denominarse ?educativa? pola súa insistencia na necesidade de transmitírllelas ?luces? a tódalas capas sociais do país. En Galicia son pouco coñecidas as posibles reaccións que puideron xeralas polémicas que suscitou a xeración crítica no resto do país, pese a que un galego, Feixoo, foi o seu máximo expoñente. Da etapa reformadora, á parte da obra de Sarmiento que se tratará con detalle máis adiante, existen xa un conxunto de feitos singulares que convén destacar20. En primeiro lugar, a reforma de Ulloa da Universidade, de 1751 que inclúe algúns cambios académicos significativos como foron a introducción das Matemáticas e da Cirurxía e da Anatomía como disciplinas e os proxectos de creación dun Xardín Botánico e un Teatro Anatómico. Ben e certo que as novas materias non foron impartidas, tanto metodolóxica como conceptualmente, cos criterios que podía esixila ciencia máis actual e que tanto o Xardín como o Teatro botaron aínda moitos anos antes de ser unha realidade. Pero tamén o é o feito de que, como sinala Barreiro, X. R. (1991)21, isto supuxo un cambio cualitativo singular cara á modernidade con relación ó período anterior e que o propio proceso interno de xestión das reformas xerou unha nova correlación de forzas, desprazando as máis clasistas e retrógradas. Outro feito singular que tería fondas repercusións nos anos vindeiros foi a creación dos Arsenais en Ferrol, a partir do ano 1751. Nas súas dependencias foise congregando un saber técnico e científico moi salientable que aínda que, como era normal, se aplicou maioritariamente na construcción naval militar, non deixou de telas súas repercusións, andando o tempo, no ambiente da cidade e mesmo no doutras vilas e cidades galegas como foron os casos da Coruña e Santiago. O Hospital da Armada creado en 1752 e a Escola de Guardiamarinas, en 1776 foron, sobre todo, os focos científicos que tiveron maior repercusión sobre o resto do país. A etapa educativa vai ter en Galicia unha realización moi temperá, que coincide cronoloxicamente coa creación da Sociedade Vascongada, na Academia de Agricultura da Coruña. Concibida, posiblemente, a imitación das de Irlanda e París nos seus obxectivos e mesmo nalgúns dos seus métodos, diferenciábase fundamentalmente delas no seu carácter clasista xa que só se atopaba representada nela a nobreza e a alta burguesía, ó contrario das outras, onde aínda que o fixeran simbolicamente, estaban representadas tamén as clases campesiñas. Por outra banda, as experiencias agronómicas que xogaron
49 Nº 363