Estudios e investigacións sobre o P. Sarmiento
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
na procura de novos instrumentos de clasificación que superaran os aínda vixentes, pero xa claramente desfasados, da bioloxía aristotélica. Os intentos de que a mecánica fora o principio xeral unificador da bioloxía, aínda que foron conseguindo pequenos éxitos, en xeral, víronse impotentes para explicar moitos dos novos feitos que a investigación biolóxica non paraba de poñer diante, como foron por exemplo, as funcións dixestivas e do sistema nervioso. A química biolóxica nacente, daquela aínda debedora de moitos principios e crenzas alquimistas, tentou achegar novas explicacións, sobre todo a partir das teorías animistas de Stahl, pero tampouco pasou de limitadas achegas a eidos moi concretos do coñecemento biolóxico como foron os relativos ás funcións dixestivas e ás fermentacións. A medicina foi o eido científico onde xurdiron e se aplicaron a maioría destas teorías e como consecuencia diso fóronse amoreando na praxe médica todo un conxunto de medidas terapéuticas que podían ter orixes científicas non só diversas senón mesmo opostas. Moitos dos excesos ós que chegou a medicina desta época foron o branco das ben coñecidas críticas de Feixoo. Diante do mundo natural, diverso e marabilloso, que se lle ofrecía ós homes ilustrados do XVIII, houbo dous enfoques clasificatorios con fondas repercusións no mundo das ciencias naturais. Por unha banda, o método analítico e rigoroso dun Linneo que ofrecía un esquema lóxico e práctico, á vez, con capacidade de ordenar toda a variedade dos seres viventes. Pola outra, o xenio sintetizador e unificador de Buffon que tentaba, coa súa historia natural e a partir de brillantes e atraentes descricións, ofrecer unha visión unitaria da natureza, na que a física era o seu principio unificador. Ninguén desde Aristóteles se atrevera a expoñer unha teoría que tentase abranguer, ó tempo, o mundo afastado dos planetas e do universo co dos animais e vexetais que poboaban a terra. Buffon rexeitou e criticou o espírito sistematizador de Linneo ? que ?esnaquizaba a natureza?, dicía ? e a súa obra acadou un éxito sen precedentes non só no mundo das ciencias senón e, sobre todo, no das clases ilustradas onde as súas obras tiñan sempre un sitio escollido nas bibliotecas. A obra de Buffon tivo o mérito indubidable de achegalo mundo natural como tema de interese para a sociedade, pero axiña caeu en descreto polas súas improvisacións e falla de soporte científico de moitas das súas teorías. As de Linneo, en cambio, que non pasaron dos círculos científicos, foron o soporte de tódalas clasificacións de plantas e animais que se utilizaron nos séculos seguintes. Ciencia e técnica na ilustración española e galega En España, os séculos XVI e XVII, desde o punto de vista da ciencia representan unha época de moi cativas realizacións, e a pesar das individualidades integradas no movemento dos novatores, que López Piñero, J. M. (1969)18 rescatou do esquecemento, a ciencia española como obra colectiva experimentou nestes tempos un afastamento evidente do pensamento científico europeo máis adiantado, onde se estaban xestando as bases da ciencia contemporánea. E só, cando:
47 Nº 363