BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudios e investigacións sobre o P. Sarmiento
No eido da medicina López Peláez, A. publica en 189811 un traballo no que fai unha descrición da obra médica de Sarmiento (Un fraile escribe de medicina) e, despois dun longo silencio, o médico compostelán Ramón Baltar12 na obra Opúsculos Médicos Gallegos del XVIII (1961) fai unha valoración da obra sobre a carqueixa, así como do seu pensamento médico, en xeral. En 1990, Filgueira, X.13 nun libro homenaxe ó Dr. Barros (1990) publica un traballo sobre os Apuntamientos sobre menciña popular e, en 1997, con motivo do tricentenario de Sarmiento os historiadores da medicina Peset, J. L.14 e García Guerra, D.15 publican dous traballos nos que, sobre todo no último, se analiza a obra médica de Sarmiento no contexto científico da época, destacando as súas consideracións críticas, na liña dos ?novatores?, así como os intentos de renovación da terapéutica do tempo a partir, sobre todo, dos medicamentos vexetais. Finalmente, Urteaga, L., no ano 1987 16 nun traballo sobre as ideas en relación coa conservación da natureza na cultura española do século XVIII (La Tierra Esquimada) considera a obra de Sarmiento sobre os atúns e as almadrabas como un dos primeiros estudios nos que se fai referencia á degradación dos recursos naturais; sendo moi salientable porque no contexto ideolóxicocientífico da época primaba, sobre todo, unha visión optimista e inxenua das relacións do home coa natureza. Tema que retoma López Capont, F. en 199717 (Las ideas pesqueras del P. Sarmiento), sinalando que na defensa dos recursos pesqueiros de Galicia destaca, non só o papel do benedictino, se non tamén o do seu irmán Francisco Xavier, Ministro de Mariña de los Puertos y Rías da provincia marítima de Pontevedra. A bioloxía da época A bioloxía da primeira metade do XVIII, que foi coa que tivo que convivir Sarmiento, atopábase nun momento clave da súa historia que era froito de dous procesos ou movementos fundamentais. En primeiro lugar, o éxito da mecánica como explicación fundamental das leis do universo, así como dalgunha das aplicacións ós seres vivos, como foi o da circulación do sangue, facía pensar que podía existir unha explicación determinista xeneralizable a toda a natureza. A fe na razón como motor de todo o progreso científico, que amosara a súa capacidade na interpretación e deseño das experiencias mecánicas, daba alentos á crenza de que tiña que existir tamén una explicación semellante para tódolos fenómenos vitais. En segundo lugar, as grandes viaxes oceánicas achegaron unha extraordinaria variedade de vexetais e animais, ata entón descoñecidos, que espallaron pouco a pouco o número e diversidade dos seres viventes. E, así mesmo, a utilización do telescopio e, sobre todo, o microscopio, que se xeneralizou a partir do século XVII, poñía diante dos ollos dos científicos dous novos mundos: o do inmensamente grande e o do infinitamente pequeno, que ampliaban o campo cara a onde dirixilos seus coñecementos e indagacións. Todo isto, obrigou a xeneralizar e a melloralos procesos descritivos que foron gañando en precisión e racionalidade. E como froito de todo isto, camiñouse
Nº 363 46