BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudos e investigacións sobre Xaquín Lorenzo Fernández
2. ¿UN CANTIGUEIRO SEN MÚSICA? Endemal, quen recolleu o prezado alalá de Lobeira5 non recolleu (ou non sabemos que recollese) as melodías. Dende logo, Francisco Fernández del Riego, persoa que naquela época era case todo en Galaxia, dime que X. Lorenzo lle entregou o texto sen melodía ningunha. No arquivo persoal de Xocas, que hoxe está repartido entre o Museo Arqueolóxico de Ourense e o Museo do Pobo Galego en Compostela, non hai rastro de anotación musical, segundo me din os seus responsables Francisco Fariña e Rosa Méndez6. Manuel de Dios, director da Coral de Ruada, asegura que X. Lorenzo lle cantou algunhas cantigas (cunha delas reconstruíu el o alalá de Lobeira) e mesmo que conserva unha pequena gravación pero que coida que X. Lorenzo nunca anotou melodías. Resulta curioso que o CPLB vise a luz, como dixen, en 1973, o mesmo ano no que Filgueira Valverde realizaba o seu soño de rescatar do esquecemento, co patrocinio da Fundación Barrié, o Cancionero gallego de Eduardo Martínez Torner e de Xesús Bal y Gay (MARTINEZBAL 1973) como xa fixera en 1942 co de Casto Sampedro (SAMPEDRO 1942). O CPLB e o de Torner son dous cantigueiros moi semellantes e moi diferentes. Os dous cadran en dar á luz un material recollido na Galicia rural e antes da aparición da radio nese mundo rural. Pero, mentres o de Torner e Bal y Gay rescata o tesouro de melodías que xa se daban por perdidas, e que mesmo estiveron practicamente perdidas en arquivos de fóra de Galicia durante decenios, o CPLB recolle só letras, sen melodía ningunha. O de Torner ? Bal y Gay tivo enorme repercusion social porque nel beberon grupos musicais coma Milladoiro que conseguiron convertela música tradicional galega en fenómeno de masas urbanas de Galicia e mesmo de Europa e de fóra de Europa na final do século XX. O CPLB, en cambio, tivo unha repercusión social menor, porque a nosa literatura actual, lanzada á conquista do mundo urbano, non bebe na tradición oral e pódese dicir que só os fraseólogos e antropólogos se debruzan encol desta poesía oral, como é o caso de Mariño Ferro cando estuda o tema sexual (MARIÑO 1995). No CPLB só dúas veces, que eu vise, fai alusión á música no CPLB: unha, cando di que a discordancia de acentos entre os versos 12 e os 34 comentando a c. 60 (Agarráchesme polas pernas, / arrastráchesme polas pallas, / fixéchesme a cama no chau / que estaba de sete somanas) e atribúeo a algunha múseca especial que iñoramos e que así o esixa (CPLB 200, 28); o outro momento é cando comenta a c. 833, e di que é unha cantiga ?recollida por min no ano 1930, ouvina recitada e nona ouvín cantar? (CPLB 227281). É polo tanto un cantigueiro literario, na liña dos anteriores de Tobío, Valladares, Casal, Saco y Arce (BLANCO 1992), Pérez Ballesteros (18851886)7 ou, máis recentemente, de Cotarelo Valledor (COTARELO 19301931), Cabanillas (CABANILLAS 1951) ou Fabeiro (FABEIRO 1958): interesan as cantigas por seren ?como dicía Valladares no prólogo do seu Cantigueiro de 1867? non escrita e virxen poesía (VALLADARES 1970:26), expresión dos sentimentos e visión do mundo de quen as cantan; interesan en
Nº 365 94