MANUEL LUGRÍS FREIRE NO TEATRO GALEGO Laura Tato Fontaíña
Universidade da Coruña
Para poder explicar a verdadeira dimensión do labor de Manuel Lugrís Freire dentro da historia do teatro galego, cómpre recuarmos no tempo e botar unha ollada, aínda que for superficial, sobre o panorama escénico do derradeiro cuarto do século XIX, cando iniciou a súa actividade como dramaturgo, en concreto na década de 1880, e máis exactamente en 1884, ano en que apareceron na Habana as primeiras noticias sobre a súa peciña A costureira d'aldea. Lémbrese que foi Francisco M.ª de la Iglesia o primeiro en romper unha lanza a prol da creación dun teatro galego culto coa escrita, publicación e estrea, en 1882, d'A fonte do xuramento. Ao longo de todo o século XIX, igual que nos séculos precedentes, o teatro galego formaba parte da tradición oral e popular e tiña como fin último ou ben divertir ou ben adoutrinar, sen que isto signifique que as dúas intencións non poidan darse xuntas nunha mesma obra. Que conservemos mostras deste teatro é froito do acaso e a sorte, porque a intención dos seus autores non era en absoluto a de facer literatura e moito menos a de que as súas pezas ultrapasasen o tempo da función para a que foran escritas. Conservamos o texto d'A Casamenteira. Sainete gallego para cuatro personajes, escrita polo liberal Benito Fandiño en 1812, nunha das súas innúmeras estadías no cárcere compostelán. Escribiuna a petición do seu amigo o impresor Juan M.ª Pazos, quen anos máis tarde, en 1849, instalado xa en Ourense, publicou a obriña como homenaxe ao amigo morto. Consérvanse tamén, para mostra da tolemia do seu autor, o texto de dúas pezas de Xan da Cova (18291899), excéntrico personaxe que a mediados do século era obxecto de mofa por parte da maioría dos integrantes dos círculos intelectuais da súa Ourense contemporánea, e que, a pesar da súa absoluta e xenial loucura, conseguía encher o teatro cun público que hoxe cualificariamos, cando menos, de gamberro. Na década de 1880 volveu subir ao escenario unha das súas obras, polo que Lamas Carvajal aproveitaba esta reposición para facer un recordatorio das estreas dos anos da década de 1860:
Xan d'a Cova é mais lembrado en Galicia qu'o Preste Xan d'as Indias. Pr'os que naceron en Ourense representa os recordos mais bulideiros e regocixados d'as seus primeiros anos d'a vida. Cando s'abren de par en par as portas d'o noso teatro, sóa sempre o seu nome. Levou a literatura polas aldeas e vilas. N'o Carballiño foi ouxeto d'un d'eses entusiasmos que deixan eterna relembranza. Camiños, congostras e corredoiras quedaron espidos de follato coas coroas que lle teceron...
105
Nº 367