BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudos e investigacións sobre Xosé María Álvarez Blázquez
editar 3.000 exemplares, 2.000 no caso do primeiro número da colección Pombal, Cantos de Nadal, Aninovo e Reis, e a facer reedicións continuas, algunhas das cales eran de 5.000 exemplares. Xa dixen antes que as Edicións Nós de Ánxel Casal deberon facer, de 1927 a 1936, un máximo de 30.000 exemplares dos seus setenta e pico títulos, dos cales non é posible calcular os que efectivamente se venderon e cobraron no seu tempo, pero si afirmar que non deberon pasar da metade; Ánxel Casal gañaba cartos como impresor e perdíaos como editor. Nunha entrevista con Margarita Ledo publicada n'A Nosa Terra do 814 de febreiro de 1980, Xosé María Álvarez Blázquez afirmaba ter vendido 800.000 exemplares. En números redondos, os 30.000 exemplares fabricados por Nós era un libro por cada cen galegos; os 800.000 exemplares vendidos por Castrelos é un libro por cada catro galegos, ou sexa, un libro por cada casa, que hoxe ó mellor non parece nada, pero que no seu tempo representou prá cultura galega escrita un cambio enorme, o esnaquizamento do gueto en que até daquela estivera recluída. Despois da incredulidade e da sorpresa inicial, as outras editoriais puxéronse á tarefa de recuperar o tempo perdido; pero as que o conseguiron ?a que o conseguiu, que foi só unha? tardaron anos en poñerse á altura; e despois de 1975, naturalmente, naceron outras que xa non tiveron máis remedio ca nacer coma Castrelos ou morrer na infancia. Entre 1968 e 1975 inclusive, segundo datos da Axencia Española do ISBN, no Estado Español publicáronse 293 libros en galego, dos cales Galaxia editou 94, Castrelos 54, Ediciós do Castro 26, Sept 18, Akal 17, Xistral 12, Real Academia Galega 8, Editorial Celta 8, Universidade de Santiago 4, Brais Pinto 3 e Edicións do Rueiro 3. O resto son unhas 25 edicións de autor e outros tantos libros de editores ocasionais ou de fóra de Galicia. Os datos non corresponden exactamente coa realidade, pois polas miñas contas Castrelos editou 62, oito máis, pero é igual; imaxinemos que o erro é proporcional. Ora ben, unha cousa é o número de títulos, e outra moi diferente o número de edicións e de exemplares. Nisto último, naturalmente, non teño datos exactos, pero si afirmarei, porque ninguén conseguirá xamais desmentirme con probas fidedignas, que cos seus 54 títulos rexistrados Edicións Castrelos vendeu neses oito anos máis exemplares ca todas as outras editoras xuntas. Moitos máis, e máis do dobre tamén. Se a principios do 1980 Xosé María fala de 800.000 exemplares vendidos, probablemente medio millón deles despacháronse entre o inicio da xeira a finais de 1967 e ese ano fulcral que foi 1975, o da morte de Franco. Cousas así non suceden por casualidade. Desde logo, agora ben se ve, agora é moi doado ver que os tempos demandaban algo coma Edicións Castrelos. Ora ben, unha cousa é que os tempos demanden e outra que reciban o que lles fai falla. Neste caso, felizmente, xa dixen que confluíra a necesidade histórica coa necesidade persoal do home axeitado. Seguramente do único home axeitado, que podía habelo ou non habelo. Xosé María Álvarez Blázquez reunía en si a sabedoría do erudito, a condición política do
Nº 369 110