Estudos e investigacións sobre Xosé María Álvarez Blázquez
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
combate pola construción nacional. Ora ben, que de pronto Rosalía, Curros e Pondal, as Tres Coroas, a Trepia de Ouro do noso Rexurdimento, abandonen a fría gloria dos estudos eruditos e os grandes recoñecementos teóricos pra meter de novo o seu canto en combate, pra popularizárense de novo e camiñar canda a nós dándonos folgos e argumentos na loita, iso xa é outra cousa; iso é revolucionario, e de feito tivo unha influencia moi difícil de medir, pero desde logo importante, no pouco ou moito que chegamos a ser e somos aínda. Porque de pronto Curros, Pondal e Rosalía xa non foron pálidas fantasmas ilustres, senón soldados do futuro, camaradas nosos; e hai que recoñecer, en punto de utilidade práctica, que nestas cousas a veteranía pode ser un grao, e a xenialidade un bastón de mariscal. Ese foi un dos grandes méritos de Xosé María Álvarez Blázquez, e eu estou convencido que sen Castrelos, que os reactualizou xusto a tempo, hoxe Rosalía, Pondal e Curros non serían tan grandes, non cumprirían o papel inmenso que cumpren no imaxinario nacional galego. A colección Pombal era con todo bastante máis ca unha máquina de reactivación de clásicos, e habería que falar dos libros de Celso Emilio, de Neira Vilas, de García Barros, de Antón Alonso Ríos, de Rei Ballesteros, naqueles tempos de escasa edición nos que un libro aínda era, ou podía ser, un feito importante, pois non se perdía, como acontece hoxe con tantas obras de moito interese, na masa enorme de papel impreso que nos asolaga coma un maremoto sen fin. E tamén habería que falar das cousas que debían ser e que non puideron ser. Por exemplo, lembro o intento de Xosé María de editar a obra completa de Aquilino Iglesia Alvariño, que non puido levar adiante polas disparatadas esixencias económicas que formularon os seus herdeiros. E lembro tamén a súa frustración por non poder dispoñer dos clásicos do Segundo Rexurdimento, os da época das Irmandades e de Nós, vivos aínda algúns deles, que estaban vinculados a Galaxia por razóns de herdeiros, ou de conselleiros de herdeiros, ou de si mesmos, pois unha boa parte da xente daquelas xeracións estaba con Galaxia case coma cun partido, substituíndo o carné do Partido Galeguista pola obediencia ós «conviña facer» de Ramón Piñeiro. Ora ben, o seu rigor e xenerosidade no pago de dereitos de autor ?no que foi tamén un auténtico precursor? valeulle a Xosé María conseguir dous libros de Fole; a grandeza de alma de Otero Pedrayo levouno a darlle dous relatos pra publicar n'O Moucho e a autorizalo a reeditar O desengano do prioiro, que xa saíra de primeiras en Monterrey; e a propia intelixencia de Xosé María, a pór de trucos eruditos e de arriscarse a un preito que afortunadamente non chegou, permitiulle incluso enxertar algunhas cousas menores de Castelao, o máis desexado, no seu catálogo. É preciso ir pechando e deixar moitas cousas no aire. En resumo: cando Xosé María Álvarez Blázquez volveu de Oviedo en 1967 e iniciou a segunda etapa de Edicións Castrelos cun capital de 300.000 pesetas posto por seus irmáns, as edicións dos libros galegos oscilaban normalmente entre os 500 e os 1.000 exemplares de tiraxe, e unha parte considerable das vendas facíase aínda por subscrición5. Edicións Castrelos empezou a
109 Nº 369