BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudos e investigacións sobre Xosé María Álvarez Blázquez
Álvarez Blázquez viu as cousas moito doutra maneira. En 1968 fixo, como número 2 da colección Pombal, unha edición de Follas novas, aumentada co longo poema Unha voda na aldea. Unha edición de 3.000 exemplares, que era o ordinario en Castrelos, e que Xosé María reeditou, creo, catro veces. Ou sexa, 15.000 exemplares en números redondos. En 1970 saíu a primeira edición de Queixumes dos pinos e outros poemas, da que se farían logo tres reedicións. Total, 12.000 exemplares. 12.000 exemplares dun poeta misterioso e etéreo, nebuloso e minoritario, polo que ninguén daba un peso e que resultou chegar a ser un poeta popular. En 1971, despois de negociacións nada fáciles nin baratas cos herdeiros de Curros, puido por fin imprentar Xosé María a primeira edición de Aires da miña terra e outros poemas, que incluía tamén O divino sainete4, e que menos dun ano despois sería reimpresa, e así outras dúas veces polo menos. É evidente que neses anos hai unha revolución no libro galego, unha revolución executada por Xosé María Álvarez Blázquez, desde unha ideoloxía da literatura e da cultura galega escrita de carácter claramente popular, e dende logo contraposta á que informaba a actividade da outra grande editorial da época, Galaxia. A actividade de Galaxia, dende a súa fundación e mentres a gobernou Ramón Piñeiro, baseouse esencialmente nunha concepción elitista da cultura, de alta cultura, decotío en procura da súa aceptación polas minorías intelectuais tanto de Galicia como, case aínda máis, de fóra. Non hai máis ca ler os «ecos de sociedade» da vella Grial pra decatarse de canto se buscaba a aprobación de Piel, ou de Rodrigues Lapa, ou de Dámaso Alonso, ou de calquera gloria universitaria que «recoñecese» o noso alto nivel intelectual. Nunha carta inédita de xaneiro de 1973 a un escritor que non vou mencionar agora, e que eu posúo por pura casualidade, Piñeiro dille: «o [seu] estilo expresivo non cadra co noso. Pode ser que a súa literatura 'prenda' doadamente no pobo, cousa que eu celebrarei moito e que a todos nos alegraría, pro a nosa batalla cultural pretende ouxetivos máis complexos e, mesmo por eso, ten que manexar outros recursos». O intelectualismo de Galaxia foi, non o vou dubidar a estas alturas, útil en moitos aspectos, ou polo menos nalgún; pero a empresa editorial última de Xosé María Álvarez Blázquez, ademais de «dinamitar todos os teitos do libro galego», como dixo o outro, foi tamén dinamita pura en si, ou «máquina de acelerar mundo pra nós», como diría tamén ese mesmo outro. No fondo hai unha concepción política de carácter democráticopopular, no fondo de Xosé María, radicalmente contraposta á de Ramón Piñeiro. Pero isto que quede tamén pró ano que vén. O feito de que Rosalía ou a lírica medieval poidan ser materia de estudo nas universidades do mundo é desde logo unha cousa que nos satisfai grandemente no noso orgullo, e que mesmo nos pode ser útil na resistencia contra a destrución, ou polo menos consolarnos algo dela. Pero tamén parece que o minoritario estudo académico das glorias do pasado, por moita altura intelectual que teña, será sempre moi limitado como arma de
Nº 369 108