Estudos e investigacións sobre Xosé María Álvarez Blázquez
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
o Tío Marcos da Portela por casualidade. Tiña unha idea premeditada e queríao como unha declaración programática do que ía ser O Moucho, libros do pobo pra o pobo». En efecto, ese era o lema da colección O Moucho, e ben significativo por certo. Como xa dixen, un dos grandes amores de Xosé María foi a literatura popular, e unha boa parte das cinco ducias de títulos d'O Moucho son escolmas temáticas de literatura popular: Refraneiro do viño, O libro do porco, O libro do amor, O libro da caza, Cantigas sociales, Romances de cego... Isto é realmente moi importante, porque o erudito Xosé María Álvarez Blázquez tiña unha concepción da literatura oral tradicional que ía moito máis aló do amor polo estudo etnográfico. Hai no programa d'O Moucho unha vontade moi clara, e moi política, de poñer nas mans do pobo a cultura por el mesmo creada, dignificada pola letra impresa, daquela aínda percibida como algo sagrado, de maneira que contribuíse, espertando o orgullo, ó espertar da conciencia nacional. Pero tamén hai outras liñas cuantitativa e cualitativamente importantes n'O Moucho. Por exemplo, a edición de obras novas ?BenChoShey, Manuel Casado Nieto, Celso Emilio Ferreiro, Manuel María, Méndez Ferrín, Vázquez Pintor, Xoán Ignacio Taibo, o propio Xosé María Álvarez Blázquez e este que vos fala. Cun criterio ecléctico, que vai da literatura popularista dun Casado Nieto ou dun BenChoShey ó chamémoslle vangardismo do Ferrín ou do Taibo. E quizabes sexa aínda máis significativa a liña de recuperación de clásicos maiores e menores, cunha selección de intención moi popular, na que, ademais do propio Lamas Carvajal escondido detrás do sarmentiano pseudónimo, aparecerían a cara descuberta Pintos, Curros Enríquez, Rosalía, Pardo de Andrade, Labarta Pose, Leandro Carré, Lugrís Freire, Castelao... Mais aínda que a recuperación de clásicos sexa importante n'O Moucho, é a colección Pombal ?moito menos citada? a que canga co peso principal desta liña transcendental. E aquí convén pensar un pouco en como estaban as cousas no mundo da edición galega, a finais da década dos sesenta, despois de case vinte anos de actividade editorial, a respecto dos clásicos galegos, e nomeadamente dos tres que hoxe nolo parecen por excelencia, Rosalía, Pondal e Curros. Pois ben, parecerá mentira, pero o caso é que practicamente non existían, non xa os clásicos menores, senón nin sequera os maiores. A súa proxección popular era practicamente nula. De Rosalía fixera Galaxia unha edición conmemorativa de Cantares gallegos en 1963, con ocasión do seu centenario e do primeiro Día das Letras Galegas. A situación de Curros e de Pondal era aínda moito peor: relegados na práctica ó mundo dos estudos eruditos, mal lidos e peor xulgados por algúns críticos, Aires da miña terra e Queixumes dos pinos estaban se acaso nas bibliotecas, pero non nas librarías, onde só se podían adquirir, como moito, as breves escolmas da Academia ou de Galaxia con ocasión da dedicatoria do Día das Letras Galegas... Dá a impresión de que os editores galegos non crían nestes clásicos fundacionais máis ca como arqueoloxía, ilustre arqueoloxía se acaso, pero nada potencialmente operativo.
107 Nº 369