BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Traballos e investigación sobre outros temas
correspondencia gondomarense de Gayangos, actualmente na Biblioteca Nacional, ou os volumes de cartas que foron parar á Real Academia de la Historia. 4. A recepción do Diálogo: a ocasión e o espacio Cómpre determinar agora o posible espacio en que esta peza coñeceu, nunha ou outra modalidade, a súa primeira «lectura». A época en que se redacta o Diálogo é pródiga en festas e espectáculos de moi variada natureza. En particular, para a Pontevedra dese momento «las fiestas de mayor importancia lúdica eran las de San Bartolomé, San Juan y Nª Sª del Camino, y los festejos organizados por el Concejo para recibir a los arzobispos compostelanos, festejar los embarazos de la reina o el nacimiento de un príncipe» (Fortes Bouzán 1989: 335). De alcance privado ou público, estes festexos acollen xogos de máscaras, moxigangas, torneos, sortellas10, xustas poéticas, e, por suposto, representacións teatrais. As relacións impresas dan un retrato moi vivo dos actos e espacios da festa, e é posible documentar algúns testemuños da presencia do xénero dialóxico11. O noso Diálogo non contén datos explícitos para trazármolas coordenadas concretas (espacio público, círculo áulico ou destinatarios) da súa representación ou lectura, pero o exame dalgúns festexos que inclúen representación de textos semellantes hanos permitir debuxalos seus posibles espacios de «lectura». O entremés inserto na Comedia de la invención de la sortija, recentemente descuberto (Cortijo Ocaña 2001), por estar escrito en lingua galega e pola súa proximidade xenérica e cronolóxica, ofrécenos un ámbito posible para situala realización escénica do noso Diálogo. O seu dedicatario é unha das cabezas máis identificadas co reino de Galicia na España de Felipe II, o cardeal arcebispo de Sevilla don Rodrigo de Castro. Con motivo da súa vida a Monforte no ano 1593 e para celebrala fundación do Colexio de Xesuítas de Monforte, nesta vila prepáranse actos na súa honra, entre os que se enmarca a representación do entremés:
A Comedia de la invención de la sortija é (...) unha festa en dous actos representada en dous días consecutivos diante das autoridades locais e mais do arcebispo. Preséntanse en procesión as varias provincias e capitalidades galegas e van presentando as súas ofrendas (...) antes de «correr la sortija». Na primeira parte tamén se insire neste xogo escénico un entremés en actos ou escenas alternados que inclúen personaxes galegos populares que tamén queren «correr la sortija», aínda que acaban por ser enganados logo de varios insultos e pasaxes graciosas (Cortijo Ocaña 2001).
Este documento é especialmente valioso se temos en conta a escaseza de relacións de festas señoriais privadas12. Existen outras noticias sobre festas de sortella, aínda que non tan preciosas como a que nos descobre Cortijo Ocaña, máis próximas das datas e xeografía do noso Diálogo, e estreitamente relacionadas co seu posuidor, don Diego Sarmiento de Acuña. A diferencia da celebrada co motivo da entrada do arcebispo de SeviNº 363 248