Traballos e investigación sobre outros temas
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Centrándonos no Diálogo de Alberte e Bieito, a primeira vista constátase que cumpre dúas características sine qua non para ser tido por sospeitoso de adscrición ó xénero dramático: non existe un narrador que introduza os personaxes nin hai verbos dicendi, senón que domina a primeira persoa. Outras características que acentúan a súa teatralidade son: a) Frecuentes interpelacións en segunda persoa: «¡Ou, Alberto! ¡Ou, meu parente! / ¿Como béns así doente? / ¿Mordeuche o çapato o pé?» (vv. 6567). Nótese, de por parte, que o v. 66 caracteriza o aspecto físico do personaxe que entra en escena. Nos vv. 333337 hai outra fórmula de interpelación, en P5, que parece dirixirse ó auditorio: «Non acharés, / Por máis e máis que busqués». b) Indicadores de motricidade: «[ALBERTE].? [...] ja non esperaba dar[bos] / Abofé quero abraçarbos. / BIEITO.? Tente, e pon primeiro o lío.. / ¡Nome apretes! / ¡Jesús co sos que me metes!» (vv. 7074). Nestes versos transloce a acoutación implícita que indica 'movemento de Alberte que vai con certo ímpeto cara a Bieito, que tenta detelo'. c) Réplicas rápidas, segundo se advirte sobre todo no fragmento dos vv. 432466. d) Final especialmente teatral, con fórmula de despedida en P5 dirixida ó público: «Para a aldea / vamos a fazer a zea, / que ja é tempo me pareze. / E aynda que máis me esqueze, / queday con muy boa estrea» (vv. 598602). e) Uso de deíctico cun referente que parece verosímil situar entre o auditorio: «yaquí está máis de vn testigo / de fazer e de encubrir» (vv. 436437). A estes trazos habería que engadila extensión, cun total de 602 versos, que o aproxima a un entremés; os nomes propios dos vv. 440442 («Bieyto Sirgado ou Rial, / Cabanelas ou Cassal»), que deben de aludir a personaxes familiares para o auditorio; e, finalmente, a comicidade dalgúns versos e a elección de dous tipos rústicos como personaxes. Se ben todas estas características non permiten descartar de todo a súa simple actualización oral perante un auditorio, parecen apuntar máis decididamente a que a peza foi destinada ó espectáculo teatral propiamente dito. 3. O círculo de Gondomar Entre a voluminosa correspondencia do conde de Gondomar tan só un reducidísimo número de cartas e fragmentos está redactado en lingua galega7. Tobío, un dos máis minuciosos investigadores do fondo, advertiu da rareza e interese dos documentos en galego e deunos a coñecer nos anos 70 na revista Grial: na súa primeira achega estudia e publica dúas cartas que o señor das Achas, don Diego Sarmiento de Sotomayor, envía desde Baiona a Diego Sarmiento de Acuña (Tobío 1973: 133144; RB II/2113, docs. 10 e 19), datadas, respectivamente, a 8 de abril e 20 de setembro de 1605; na seguinte entrega (Tobío 1977: 366377) dá a coñecer outras dúas cartas, a que Juan de Lanzós e Andrade envía desde Zamora arredor de 1598 [RB II/2135, doc. 20], e a de Beatriz da Serra, desde Baiona, datada o 20 de maio de 1605; finalmente, na súa terceira contribu245 Nº 363