BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Traballos e investigación sobre outros temas
fuera de lo teatral» e inclúe os seguintes xéneros: copla, coloquio, diálogo, romance dialogado, vilancico, canción e outros xéneros poéticos diversos. Observa que é a oralidade un trazo común a todos estes xéneros e, xa que logo, aínda que sexa nun nivel básico, pódese falar de teatralización. Mais aínda aceptando, en virtude da súa oralidade, esta suposta «teatralidad difusa envolvente» e a súa pertenza á «órbita de lo dramatúrgico», este estudioso pretende «encontrar unos principios de carácter general, aplicables, indiscriminadamente, a ese conjunto poético» (Díez Borque 1989: 102) para determinar cales destas composicións van máis aló desa teatralidade difusa e poden ser obxecto da historia do teatro. Debido á ausencia de marcas externas que definan a teatralidade do diálogo, céntrase nas que denomina, seguindo a Hermenegildo (1986), as «didascalias implícitas», isto é, as que están insertas no propio texto: entre outras, distingue o signo de orde motriz que implica un aceno (fáticos, conativos, deíctico), un desprazamento ou movemento, ou signos que indican o aspecto físico dos personaxes; obviamente, amais destes trazos, contén os inherentes a toda peza dramática, isto é, «su carácter dialogado en primera persona, sin narrador implícito, sin verbos dicendi, sin predominio de la descripción en tercera persona, etc.» (Díez Borque 1989: 109). A continuación, relaciona un conxunto de Coloquios e Diálogos de autores como López de Úbeda, Rueda, Lucas Fernández ou Fernández de Heredia, ós que se podería conceder estatuto teatral. Hai outro grupo de composicións deste xénero con representación comprobada documentalmente, dos que menciona, citando un traballo de Menéndez Peláez (1981) realizado con documentos de acordos do cabido catedralicio, «el coloquio que hace el maestro de capilla con los niños para la fiesta de Navidad [1594]» e «un coloquio breve y de poco coste para la noche de Navidad... [1595]» (Díez Borque 1989: 111), entre outros. Dos descritos no Catálogo de De la Barrera hai alomenos tres que declaran explicitamente a súa representación: o Coloquio de la estrella (1575) e o Diálogo sobre la preferencia o elección de las ciencias, representados en colexios de xesuítas, e mailo Colloquio que se representou en Sevilla diante do Ilmo. cardeal Rodrigo de Castro cando o fixeron protector da Anunciata, ano de 1587. Finalmente, pola súa aplicación a pezas de contido burlesco, máis próximas ó ton do noso Diálogo cás representadas nos colexios de xesuítas, é de interese o traballo de Robert Jammes (1983) en que presenta a posibilidade de clasificar como dramáticas dúas coplas burlescas, xénero sempre considerado á marxe da dramaturxia, en concreto as tituladas «Por qué llora la Isabelitica?» (1600) e «Doña Menga, ¿de qué te ríes?» (1626). Entre os trazos que as poden adscribir ó xénero dramático, ó teatro curto, sinala que é un «diálogo sin intervención del autor, estilización de los personajes, lenguaje contrastado, réplicas breves y significativas, variedad de entonaciones, acotaciones implícitas». A estes trazos xerais das pezas de teatro breve, engade a comicidade, o que o leva a concluír que, salvo nas dimensións, nada «separa estas dos letrillas de los demás géneros del teatro menor» (Jammes 1983: 93).
Nº 363 244