Traballos e investigación sobre outros temas
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
1972: 219): «para turbárseme a luz. / ¡Ele é!», «¡Ay, miña muller Ynés! / ¿Ela é morta?», «que cos finados está. / Xa pagou», «entre os máis fortes peóns, / que non fan», «como nela biu passar, / que eu tamén», etc. Non falta tampouco unha esporádica licencia na medida dos versos, pois «que ata estar de choz non lle basta» ten nove sílabas, a pesar de dúas sinalefas contiguas. 2. Trazos de teatralidade O Diálogo de Alberte e Bieito, polo seu xénero e pola época en que se produce, esixe ser analizado, en primeiro lugar, no marco dos debates sobre os xéneros fronteirizos do teatro. Clarexar este aspecto é o paso previo para determinármolas posibles formas de recepción do texto polos seus contemporáneos e o ámbito, privado ou público, en que ten lugar. Para deitar luz sobre ese seu primeiro destino, lectura ou representación, convén detérmonos nalgúns dos traballos fundamentais sobre o que Díez Borque (1988) denominou as «órbitas de teatralidad». O debate sobre a teatralidade deste tipo de composicións conta xa cunha ampla bibliografía. En 1973 a grande estudiosa da literatura de cordel, García de Enterría (1973: 368), puña de manifesto que «los Coloquios de Lope de Vega, por ejemplo... están incluidos entre las obras dramáticas del 'monstruo de la naturaleza' que Menéndez Pelayo comenzó a publicar en la edición de la Academia» e advertía sobre a decidida teatralidade dalgúns diálogos impresos en pregos soltos. Aínda que para unha época anterior, na súa análise da poesía de Reinosa, Santos Deulofeu (1985: 274) observa tamén que os diálogos deste autor conteñen trazos inequivocamente teatrais: «frecuentes interpelaciones a una segunda persona, las indicaciones de movimiento y las acotaciones habladas sobre espacio y personajes». A estas características formais engade outras que atinxen ó contido e que achegan as composicións de Reinosa ó entremés: «elección de las zonas inferiores del alma y de la sociedad como objetivo de su atención humorística... aceptación alegre del caos del mundo sin afán moralizante» (Santos Deulofeu 1985: 274). Pero foi Díez Borque quen máis teimou en ensanchala visión do fenómeno teatral, partindo do convencemento de que «la búsqueda de una pretendida pureza genérica... ha supuesto, en buena medida, desenfocar el problema de la teatralidad en ese período [século XVI], dejando en sombra muchos testimonios absolutamente pertinentes para una historia comprensiva del espectáculo teatral» (Díez Borque 1989: 101), e mais de que, a maiores dos xéneros canónicos e dos xéneros do teatro menor, existe toda unha serie de textos que foron destinados á representación. Establecidos os criterios para detectala teatralidade, Díez Borque elabora un cadro clasificatorio con «ese amplio y heterogéneo conjunto de titulaciones genéricas vinculadas a lo teatral» (Díez Borque 1989: 102). Da súa clasificación interésanolo bloque III, que ten por epígrafe «Confluencia líricateatralidad, habitualmente considerados
243 Nº 363