BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Crónica
gándose no tempo, convértese nunha ameaza, por máis que sexa inconsciente, á pervivencia da lingua propia de Galicia. É certo que durante catro séculos o galego estivo artificialmente apartado da vida pública e, mesmo así, deu sobrevivido como lingua real maioritaria de Galicia. A iso contribuíu que o ámbito informal e a vida familiar eran un reducto inaccesible ó poder militar, xurídico e executivo do Estado e, en parte, tamén ó poder eclesiástico. E contribuíu tamén a loita secular de moitos galegos, na que tamén participaron os Medios de Comunicación. A recente democratización da vida pública coroou ese esforzo colectivo permitindo que a lingua galega estea acadando uns niveis de prestixio social e cultural semellantes ?se non maiores? ós que tivo na Idade Media. Ora ben as novísimas ferramentas do xornalismo escrito e audiovisual permítenlle á lingua castelá penetrar sen interferencia e sen pausa no máis íntimo da vida familiar e, polo tanto, cunha forza que nunca lle dera a coalición secular de tódolos poderes xuntos. Esta invasión do ámbito informal resultaba inimaxinable hai setenta anos e, polo tanto, aínda non temos experiencia sobre os efectos lingüísticos que pode producir, como tampouco a temos plenamente sobre os da enerxía nuclear ou a contaminación das augas, das terras e da atmosfera, que son agresións a longo prazo. Pero, con ser cedo para cuantificalo efecto desa pinga insistente, percíbense indicios de que está modificando hábitos de vida, pautas de conducta, criterios morais e estéticos; quizais tamén conductas lingüísticas. Se os Medios de comunicación non nos parecen separables do crecente prestixio da lingua galega, tampouco nos parece que a insignificante presencia neles da lingua galega se poida separar do menor uso do galego por parte da infancia e mocidade. Os Medios de Comunicación elaboran día a día a imaxe que un pobo ten de si mesmo. E comunicar a cotío só ou case só en castelán en Galicia equivale a poñerlles ós galegos un espello que lles di, día a día, que o castelán é a única ou principal lingua de todos eles. Informar en castelán do que se produciu en galego ou do que ós Medios chegou en galego non é tanto desatendelo que sabemos con certeza estatística da extensión da lingua e da súa aceptación mercantil, como falsear unha realidade. Esta Academia sabe ben que nos problemas desta lingua interveñen máis factores; sabe que o comportamento dos Medios de Comunicación espella as actitudes de sectores da Igrexa, do ensino, do funcionariado, do mercado; sabe que non sería serio pretender que solucionar un problema no que interveñen e se inflúen reciprocamente tantos factores modificando a actuación dun único factor e, por iso, tamén se dirixirá ós outros. Pero será moi difícil avanzar sen a compaña da Prensa. A Real Academia Galega comprende as leis do mercado e recoñece que este non admite saltos repentinos pero a extensión da lingua galega é tan grande que unha información áxil, independente e moderna en galego tería tales garantías de éxito comercial que mesmo non precisaría para nada subvencións públicas.
Nº 362
324