Vida oficial da RAG
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
tan pouco gratificante. Esa intensa e valente moderación foi característica tan súa como o fora do seu mestre. Don Vicente apartounos, aínda que fose de maneira transitoria, e don Ramón acercounos. Aquel home austero e cheo de férreos proxectos, máis teimudo aínda ca el, propiciou que nos aproximasemos na discrepancia. Xuntounos co seu maxisterio vivo, malia que ideoloxicamente andasemos daquela algo lonxe. E malia que para min fose un encontro moi tardío o que tiven con Piñeiro. E despois, para soldar máis as nosas coincidencias, alí estaban as súas fobias, que tamén eran as miñas: dogmatismos, intransixencias, descualificacións agresivas, proclamacións narcisistas de pureza case sempre sospeitosas de deshonestidade. Malditos predicadores. Foi tamén nese territorio no que se deron, creo que sempre, experiencias compartidas. O reencontro tivera lugar en Cangas, no Instituto. Eu viña dunha andaina complicada. Pero a partir de aí todo foi doado. A amizade asentouse e madurou. Compartín con el, e ata hoxe, aquel empeño en facer un país libre con vida propia, aberto e modernosempre a súa Suecia mítica como norte. Había que recuperar con firmeza e con dignidade a condición, ameazada e aldraxada, de galegos e ó mesmo tempo de europeos. Era a teima de Piñeiro e tamén a súa, e iso había que facelo traballando, resolvendo, construíndo sen violencia e sen espaventos, con esperanza e con convencemento. Desa liña nunca se afastou, e con ela mantivo un coherente e fondo compromiso nunca traizoado. E foi a liña na que, ó meu xeito, sempre intentei seguilo. Pero, política á parte, tamén compartimos gustos literarios, e as emocións polos saberes novos. Lembro coma se fose hoxe, outro flash que neste momento me asalta, unha noite na que alá pola unha da madrugada recibín unha chamada, nada infrecuente, de Carlos, esta vez para contarme que andaba deslumbrado coa lectura dun libro de Paul Davies, ?Dios y la nueva física?, que eu lle acababa de prestar. Accedía por vez primeira ó mundo apaixonante da física contemporánea, e aquel universo misterioso que se lle abría arrebatouno de tal maneira que dende ese momento devorou todo canto libro de divulgación dos novos saberes se lle cruzaba no camiño. Chegou a ter tan importante información que lle permitía falar con comodidade de todos eses temas, incluso con especialistas na materia. A súa curiosidade, unida a unha portentosa memoria, converteuno nun informadísimo coñecedor das cuestións conceptualmente máis relevantes da física relativista ou da mecánica cuántica. A bioloxía foi outra das súas grandes curiosidades. E a historia, da que non só sabía case todo, senón que ata a inventaba, oniricamente inspirado pola mesmísima Clio. E o cine, e o jazz, e a fotografía, e a pintura, e a arquitectura, e a xeografía e... Un sabio dos que hoxe non están de moda. E todo iso con tanta humildade que moitos dos seus achegados ignoraban a maioría dos rexistros do saber que Carlos chegou a dominar. Sigo a pensar que algún día debería facerse un estudio sobre todas esas facetas non estrictamente literarias ou políticas que tan ben coñecía e que tanto o apaixonaban. Pero de tódolos xeitos, en trinta anos tan longos e tan cheos o único que quixemos de verdade foi convivir. ¿É que hai algo máis serio que falar, entender, rir, namorar; espantar á traidora con historias divertidas, con neuras, con xogos, con proxectos soli323 Nº 364