BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Vida oficial da RAG
Así, non é doado recordar en poucos folios trinta anos de amizade cotiá. Xorden, como daquela, flashes desordenados de lembranzas. Lóstregos que me sitúan moi lonxe no tempo e que non obedecen a ningunha lóxica, a ningunha cronoloxía, que aparecen caóticos, como respondendo á desorde na que a súa ausencia repentina nos instalou. E nese caos de lembranzas vivas, non sei por qué, asáltame con frecuencia o recordo dunha escena na que Carlos me espetaba con aire retador se eu lera O Capital, pois do contrario non estaba en condicións de discutirlle con rigor. Era o ano sesenta e nove, no Toural, ás tantas da mañá. Chovía, e moito máis choveu dende aquela. Entón, como non podía ser doutra maneira, o Che Guevara era o seu ídolo, e o meu tamén. Logo, ben entrados os setenta, cos vendavais da furia algo amainados, xa de volta de varios percorridos, Olof Palme aparecéuselle como o referente político que nunca abandonou. Lembro moi ben, outro lóstrego que me alumea repentinamente, aquela noite na que chamou por teléfono o seu fillo Hökan, un neno, quen chorando lle comunicou mentres ceabamos que asasinaran a Palme. ¡Que desgusto para todos nós, para Cristina, para Teresa, para os amigos que alí nos atopabamos! Nada ía ser igual en Europa, pensabamos. Nin no mundo. E quen sabe se tiñamos razón. Pero todo viña xa de moito máis atrás, na adolescencia, cando eramos compañeiros de estudios no Instituto de Ourense. El aínda era poeta e eu un afanoso aspirante a actor no Teatro de Cámara, dentro do patio do Museo Arqueolóxico ourensán, onde faciamos algúns ensaios e representacións entre vellos capiteis e petroglifos. Daquela comezamos a botar as nosas primeiras longas parrafeadas. Por veces aparecía con Ruco Lezcano ou con Acisclo, ou con algún dos seus amigos, e falabamos de Neruda ou discutiamos sobre Camus ou sobre Sartre. ¡Que importancia tiña todo cando todo era prohibido e había que ler na versión xesuítica do padre Charles Moeller as citas dos nosos autores preferidos! Ou na casa de Teodoro Sanmartín descubrir, ¡mira ti que perigoso!, o mestre republicano Alejandro Casona. Eran tempos de miseria. Pero el xa estaba disposto a non deixarse acovardar e foi neses anos cando provisionalmente nos perdemos a pista durante un tempo longo, ó entrar el na tertulia de don Vicente Risco, mentres eu andaba por outros camiños máis de fóra. Penso que don Vicente Risco foi un referente fundamental na súa biografía literaria. O outro foi Piñeiro. Non sería difícil asentar o seu perfil literariobiográfico dándolle preferencia a esas dúas coordenadas. Dun lado a carga literaria, o talento periodístico, o refinamento e a apertura a canto esteticamente atractivo se lle cruzase no camiño, xunguido a un coñecemento etnográfico e cultural do País, que Risco sempre amosou. Sen esquecer as críticas sobre a súa ideoloxía, críticas nas que os dous en gran medida coincidiamos e que en parte tamén foran expostas nun curso da Menéndez Pelayo ó que el me invitara, e que máis tarde quedaron escritas en Grial. Doutra banda, a presencia de Piñeiro si que foi absolutamente decisiva. O rigor, o compromiso con Galicia, a seriedade, a austeridade e esa coherencia que nunca lle permitiu ser escravo das modas, fosen as que fosen, e que nunca, como lle ocorría a don Ramón, lle permitiu abandonar o camiño da prudencia, aínda que por veces resultase
Nº 364 322