BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudos e investigacións sobre Manuel Lugrís Freire
dimento. Así, da mesma maneira que os historiadores se empeñan en demostrar que Galicia constitúe unha entidade diferenciada cunha historia propia e singular e mesmo cunha composición étnica privativa, da mesma maneira que os escritores se esforzan en forxar unha lingua apta para expresar os máis elevados sentimentos e os conceptos máis sutís, os gramáticos tratan de probar que o galego non é o patois bárbaro e anárquico que pretenden os seus detractores, senón unha lingua 'con gramática', susceptible de ser reducida a regras, exactamente igual que calquera outro idioma:
¿No es por ventura esa lengua de tan noble origen como cualquiera de sus hermanas, tan pintoresca y flexible como la primera, dulce y onomatópica como ninguna?3
Deste xeito, alén do seu valor utilitario, a gramática e por suposto tamén o dicionario asumen unha relevancia simbólica na medida en que se conciben como requisitos imprescindibles para que o galego, aínda que con séculos de retraso, poida acceder á condición de moderna lingua de cultura. As primeiras gramáticas (exceptuando talvez a de Mirás) responden precisamente a esta necesidade de mostrar que o galego é tan merecente de estudo e de atención coma as demais linguas e que, xa que logo, pode ser descrito cos mesmos instrumentos ca elas. Seguramente é a Gramática gallega de Saco a que máis fielmente recolle todo o repertorio argumental esgrimido polo galeguismo contemporáneo. O seu afervoado prólogo constitúe un magnífico exercicio de 'defensa e ilustración' do idioma en que se combinan a defensa radical da súa dignidade estética, a reivindicación da súa liñaxe nobre, mesmo aristocrática, e consecuentemente o rexeitamento da súa consideración de dialecto ou variante deturpada do español, a exaltación de certas virtudes (eufonía, musicalidade, dozura, etc.) atribuídas topicamente ao idioma, a apelación aos galegos para que cumpran co deber patriótico e filial de preservaren e transmitiren a súa lingua como un herdo recibido dos devanceiros, etc. Ora ben, a pesar do innegable avance que supuxo a publicación destas obras, son moitas as voces que ao longo da segunda metade do século XIX se erguen para se laiar da falta de gramáticas e dicionarios do galego. Esta aparente contradición non o é tanto se temos en conta que o que realmente demandaban os promotores e activistas do Rexurdimento eran textos de carácter prescritivo, que fixasen o modelo de lingua a que debían suxeitarse os escritores e os usuarios cultos en xeral e que contribuísen a reducir a notable variedade do galego escrito, que por outra parte se ía facendo máis notoria a medida que se expandía o seu cultivo. Por razóns diversas, nin as gramáticas de Mirás ou Cuveiro nin a do propio Saco podían satisfacer esta necesidade. En primeiro lugar, o feito de que as tres obras apareceran publicadas nos momentos aurorais do Rexurdimento, cando o cultivo do galego apenas iniciara o seu despegue, constituía sen dúbida un obstáculo para a adopción por parte dos seus autores dunha orientación prescritiva. Por outra banda, a elementalidade e as numerosas deficiencias que presentaban as gramátiNº 367 26