BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Traballos de investigación e estudio
senza do conde de Gondomar vai máis aló da consignación desta antiga signatura, xa que hai varias composicións dedicadas á súa persoa3 e algunhas anotacións e copias da súa man. Así, á marxe dunhas «Octavas a las ánimas de purgatorio», ao fol. 144v, anota: «Muy buenas». No fol. 202r copia da súa man, inconfundible pola súa mala letra, a glosa a «En la cruz, que sí, que no», unha das escasas veleidades literarias do conde, e pon a súa sinatura e rúbrica. Xa no papel de lector, no fol. 7v, respecto ao «Soneto 32 de don Luis de Góngora», anota que é ?Difiniçión de la corte?. Máis difícil é establecer as partes que integran este códice facticio. Menéndez Pidal divídeo en oito, sen explicitar os criterios que o guían, aínda que parece claro que se apoia nas distintas foliacións, nas unidades de contido, nas mans dos copistas, etc. Pola súa parte Cortijo Ortiz considérao un códice unitario con seis seccións. Esta pretendida unidade do códice lévao a lle atribuír ao compilador Penagos poemas nos que constan rúbricas habituais como «otro mío». Así, no seu comentario ao bloque formado polos fols. 144v230v, ao que pertence a nosa canción, sinala que «por primera vez aparecen composiciones calificadas de mías y atribuibles a Pedro Penagos» (Cortijo Ortiz 1995: 18), se ben considera esta sección allea á intención que guiou a composición do cartapacio. Lonxe de intentarmos establecer as unidades que compoñen este volume, o que esixiría unha rigorosa análise codicolóxica fóra do propósito deste estudo4, si nos parece oportuno constatar que nada permite supoñer que o referente de «mías» na rúbrica mencionada teña algo que ver con Penagos, nin que a «Canción galega en loor de don Diego das Mariñas» forme parte do Cartapacio de Pedro Penagos. En rigor, soamente poden ser adscritos ao labor compilador de Penagos os poemas recollidos na «tabla de este cartapaçio donde ay rromançes y letras y sonetos y otras composturas muy curiosas...» (II/1581, h. [2]r[3]r), que van ata o fol. 80, e os seguintes ata o fol. 124, que continúan a foliación antiga. A encadernación actual non garante a unidade do cancioneiro, que recolle materiais diversos. Menéndez Pidal ten en conta esta natureza facticia no seu exame do Cartapacio de Ramiro Cid y Piscina (RB II/1580), cando afirma que «El resto del tomo, aunque parece de iguales letras que lo anterior, estaba cosido aparte en la antigua colección de que se formó ésta» (1914: 309). En definitiva, a nosa canción ?ao igual có resto dos poemas non incluídos nesa unidade codicolóxica determinada pola foliación antiga? non responde á intención selectiva ou acumulativa do compilador Pedro de Penagos; por contra, para esa segunda parte do volume observamos unha xestación que podemos denominar de aluvión. Así, no fol. 179r descubrimos a presenza doutro compilador, Fr. Lucas Zarco de Morales, que traslada poemas alleos e propios. Este poeta ocasional, que se declara capelán do conde, fai a seguinte observación sobre o seu traballo:
El borrador del primer soneto no hallo y pues vm lo tiene mande ponello aquí y perdone vm que como no hago professión desto y assí hago de mill a mill años algo,
Nº 364 250