BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudios e investigacións sobre o P. Sarmiento
Sobre este pano de fondo da historiografía do século XVII desenvolvíanse as opinións de Sarmiento acerca do pasado galego que de seguido pasarei a examinar. Antes debe terse en conta que frei Martín non dedicou ás antigüidades galegas ningún traballo amplo e que abranguese todos eses temas. En troques, as súas achegas foron sempre puntuais ou ben atópanse salferidas no interior doutros traballos de temáticas diversas e están vencelladas con outras das súas constantes teimas (Historia Natural, lingüística, xeografía). Igualmente hai que sinalar que non todas as opinións que mantivo foron elaboradas en igual medida (por exemplo, el reservaba unha especial atención á xeografía antiga de Galicia), e que algunhas das ideas evolucionaron no decurso do tempo. Nas páxinas que seguen revélanse as principais opinións de Sarmiento acerca da antiga historia de Galicia, recollidas en moitos dos seus escritos. Primeiros Poboadores Sarmiento refugaba as opinións dos autores precedentes, que fixeran de Noé, Túbal ou Gomer os primeiros habitantes de Galicia. El negouse a especular sobre se Noia fora fundada polo patriarca Noé, ou sobre se o seu neto Gomer deixara as pegadas do seu nome en Gondomar e en Gomariz. Verbo desta cuestión optou por adoptar unha postura prudente. Aseguraba que era inútil especular acerca de épocas tan antigas e escuras. Por suposto que Sarmiento non tiña unha concepción da grande antigüidade da terra e do ser humano como a que temos hoxe. El coidaba que tanto a terra coma a humanidade non tiñan unha antigüidade superior a cinco mil ou seis mil anos. Tamén cría que a orixe e os primeiros pasos da humanidade eran tal e como a Biblia contara: Adán e Eva, Noé e o Diluvio Universal, a Torre de Babel e a división de linguas e de pobos, etc. Porén, como a Biblia nada dicía sobre o poboamento da Península Ibérica e de Galicia, e como as Escrituras eran a fonte de información máis antiga e a única certa e fiable para dar conta deses primeiros tempos, a conclusión á que chegaba Sarmiento era que nada se podía coñecer dos primitivos poboadores do país (agás que mediase unha nova revelación divina, cousa moi improbable). Era tan imposible saber acerca deles como adiviñar o futuro. O único que se podía afirmar con certeza era que os primeiros habitantes de Galicia descendían de Noé, ao igual có resto da humanidade. Aqueles outros interrogantes ¿cando entraron en Galicia?, ¿por onde entraron?, ¿tiñan reis?, ¿que lingua falaban?, ¿que tipo de relixión practicaban?... que tantos autores antes ca el se esforzaran por resolver, ficaban sen resposta posible. O máis lonxe que se permitiu especular frei Martín verbo desta cuestión foi ao concibir a existencia dunha primeira poboación chegada dende Oriente e asentada nas terras galegas nunha data indeterminada, mais sen dúbida anterior á vinda de gregos, fenicios e celtas. Admitindo como posible esta poboación inicial de ascendencia oriental, era probable que na lingua e na toponimia galegas se achasen aínda algunhas pegadas de nomes ?orientales o primitivos? (como os cualificaba no seu Onomástico etimolóxiNº 363 148