Estudios e investigacións sobre o P. Sarmiento
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
novas crenzas e novos costumes, o cal se pensaba tiña por resultado a corrupción do estilo de vida ?puro? que ata daquela levaran os primeiros habitantes, e moi especialmente implicaba a introducción da idolatría que estragaba o monoteísmo primitivo practicado polos descendentes de Noé. Gregos, celtas, exipcios, iberos, cartaxineses, e finalmente os romanos, sinalábanse como os responsables das transformacións efectuadas no decurso do tempo, case sempre non desexadas. Esta historia incluía tamén unha serie de míticos monarcas, fundadores de cidades ou conquistadores de novas terras. Figuras que tiñan como funcionalidade principal a de amosar o poder e mailo esplendor de Galicia nos tempos máis recuados da súa existencia; algo que era lóxico nunha historiografía sempre pendente de salientar as ?glorias? do reino (cf. Barreiro Fernández, 1988). Algúns deses monarcas fabulosos posuían unha longa tradición, pois proviñan da historiografía hispánica medieval e da mitoloxía clásica; era o caso de Hércules e de Xerión. Outros eran de orixe máis recente, adaptacións realizadas pola historiografía galega dalgúns dos reis hispánicos inventados a finais do século XV polo monxe italiano Annio de Viterbo; foi o caso de Brigo, a miúdo convertido no fundador de Brigantia (A Coruña ou Betanzos). Por último, outros procedían de vellas lendas irlandesas e escocesas, como o mítico rei Gatelo e súa liñaxe de monarcas galegos conquistadores da illa de Irlanda (cf. Pereira González, 2002). Despois da guerra de Troia numerosos gregos entraban en Galicia e fundaban diversas poboacións. Esa noticia estaba xa contida nos textos clásicos, mais foron os anticuarios hispánicos dos séculos XVI e XVII os que se esforzaron por determinar cáles das poboacións galegas actuais eran de ascendencia grega. En xeral, coidábase que Diomedes fundara Tyde/Tui; Amphiloco, a cidade de Amphiloquía/Ourense; e Teucro, Helenes/Pontevedra. Máis tarde os romanos conquistaban definitivamente o territorio galego, despois de moitos esforzos, logo da derradeira batalla no Monte Medulio. Fundaban novas poboacións, construían vías de comunicación e tiraban partido da riqueza metalífera acubillada nos montes galegos. A poboación sometida participaba activamente nas lexións imperiais, gañando importantes victorias para Roma; e mesmo Galicia aparecía como o berce de importantes persoeiros romanos: o poeta Marcial ou os emperadores Traxano, Constantino e Teodosio. Finalmente, o apóstolo Santiago introducía o cristianismo en Galicia, que se convertía así na primeira terra de Occidente en recibir e adoptar a fe cristiá. En diante os galegos pasaban a ser os máis firmes valedores da relixión, como amosaba o longo ronsel de santos e mártires de orixe galaica ou a posterior intervención masiva na Reconquista contra os musulmáns. Esta era a imaxe da antiga historia de Galicia que se albiscaba, con variantes entre uns e outros, nos escritores do século XVII: Prudencio de Sandoval, Mauro Castellá Ferrer, Joseph de Bugarín, Felipe Gándara e Ulloa, os irmáns Boán, Benito Vázquez, Juan Álvarez Soutelo, etc.
147 Nº 363