BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudios e investigacións sobre o P. Sarmiento
a metodoloxía e as fontes de información que empregaba para o coñecemento do pasado galego. Con todo, é preciso sinalar que neste artigo soamente me ocupo daqueles aspectos do Sarmiento anticuario que se cinguen ás antigüidades romanas e preromanas de Galicia, deixando á parte outras mostras da súa actividade como tal, como era por exemplo a preocupación por esculcar na historia medieval galega a través de inscricións e de documentos (o cal, non esquezamos, formaba parte das angueiras habituais dos anticuarios). 2. ¿Que estudia o anticuario? Como xa dixen antes, o anticuario estudiaba as antigüidades. No caso de frei Martín Sarmiento, as súas actividades e reflexións como anticuario centráronse principalmente (aínda que non en exclusiva) nas antigüidades galegas, un eido de investigación histórica que abranguía varias cuestións: dende determinar quén foran os primeiros poboadores de Galicia, ata considerar os acontecementos e as institucións da Galicia medieval. Por suposto que tamén se interesaba polo traballo dos anticuarios europeos e españois do seu tempo e das épocas precedentes. E o seu amplo saber nestes temas reflectíase no tratamento das antigüidades galegas, que foi claramente superior ao de moitos dos contemporáneos e predecesores. Antes de entrar de cheo a examinar o tratamento das antigüidades galegas por parte de Sarmiento, convén facer un rápido percorrido polo estado destas na época inmediatamente anterior aos escritos do bieito, para así podermos valorar con maior exactitude cales foron as achegas que el ofreceu en relación ao coñecemento do pasado máis recuado de Galicia. A imaxe da antiga historia de Galicia é dicir, o período que incluía dende os primeiros poboadores ata a fin da dominación romana e a chegada das invasións xermánicas que estaba presente na historiografía galega do século XVII baseábase en grande medida nas obras dos historiadores e anticuarios hispánicos das dúas centurias precedentes (nomeadamente Joan de Margarit, Florián de Ocampo, Ambrosio de Morales e Juan de Mariana), por máis que contiña tamén elementos propios. A grandes trazos esa historia presentábase da maneira seguinte. A historia de Galicia comezaba despois do Diluvio Universal, cando chegaron ás terras galegas os que serían os primeiros habitantes do país, identificados sempre como descendentes directos de Noé. As discusións atinxían a cuestión de se o ?fundador? da poboación galega fora Gomer ou Túbal dous dos fillos de Iafet, fillo de Noé, ou ben se era certo que o propio Noé aportara a Galicia e fundara poboacións no seu territorio (por exemplo, a vila de Noia). Os primeiros poboadores de Galicia imaxinábanse gozando dunha existencia sinxela e auténtica, pois conservaran a relixión e os costumes herdados de Noé e dos patriarcas bíblicos antediluvianos. Seguidamente, a historia do país concibíase como unha sucesión de diferentes vagas de poboamentos chegados dende o exterior e que introducían novos xeitos de vida,
Nº 363 146