BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudios e investigacións sobre o P. Sarmiento
Porén, o precursor inmediato das antigüidades do século XVIII foi o humanismo renacentista que xurdiu en Italia a finais do século XIV, con autores como Petrarca e Boccaccio, e que supuxo un crecente interese pola recuperación das civilizacións clásicas, moi especialmente a da antiga Roma. Nas dúas centurias seguintes, os anticuarios italianos estudiosos das antigüidades romanas Flavio Biondo, Pomponio Leto, Onofrio Panvinio, Enea Silvio e un longo ronsel de investigadores do pasado puxeron os alicerces dunhas antiquitates concibidas consonte o modelo varroniano, aínda que provistas agora dos novos métodos de estudio instituídos pola erudición humanista: volta ás fontes orixinais; análise lingüística e crítica textual; emprego dos vestixios materiais do pasado (nomeadamente moedas e inscricións) como fornecedores de informacións históricas complementarias dos textos. Se ben nun comezo as antigüidades se cinguiron case exclusivamente ás antigüidades romanas por algo eran un producto do método varroniano e do Renacemento italiano, non obstante o espallamento deste tipo de investigacións por toda Europa a partir do século XV axiña trouxo consigo que a aplicación dos seus métodos se ampliase a novas culturas do pasado e a novas cuestións históricas. Foi así como xurdiron as antigüidades de cada reino europeo, as antigüidades hebraicas e orientais, as antigüidades eclesiásticas e medievais, etc. Finalmente, cómpre salientar que o século XVIII foi un momento paradoxal para a fortuna das antigüidades dentro dos círculos eruditos europeos. Por unha banda, o prestixio dos métodos e das fontes de información que utilizaba o anticuario medrara e fortalecérase grandemente entre os eruditos, pois coidábase que permitían afrontar con meirande posibilidade de éxito as moitas dificultades que xurdían á hora de tentar reconstruír o pasado; e asemade constituían unha defensa efectiva contra todo tipo de falsificacións e de lendas pseudohistóricas que ?lixaban? e empecían o coñecemento histórico. Mais, por outra banda, a figura do anticuario axiña había de entrar en crise e en devalo por mor da evolución das mentalidades a derrota dos Antigos fronte aos Modernos saldouse igualmente coa derrota do anticuario, senlleiro representante dos primeiros, e polas duras críticas que contra ela arrebolaron os ?filósofos?, quen vían no anticuario a personificación dunha erudición inútil e pasada de moda. Con todo, os anticuarios non desaparecerán co século XVIII, por máis que as antigüidades experimentaron dende entón fondas e decisivas transformacións que provocaron a progresiva fragmentación e diversificación dos seus métodos e obxectos de estudio, dando lugar durante a centuria seguinte a distintas disciplinas que medraron a partir do mesmo ?berce? común das antigüidades: filoloxía, arqueoloxía, epigrafía, numismática, paleografía, mitografía, etnoloxía e folklore, prehistoria ou historia antiga. Chegando xa ao final desta breve introducción ao mundo dos anticuarios e das antigüidades, podemos regresar agora ao persoeiro protagonista deste artigo e preguntármonos: visto o que se dixo nas páxinas precedentes verbo de quen é un anticuario, ¿é posiNº 363 144