Estudios e investigacións sobre o P. Sarmiento
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
século XVII ten designado as antigüidades como o eido de investigación dedicado ás orixes (cf. Parry, 1995). O cal non deixa de ser certo se temos en conta que os anticuarios se ocupaban das orixes das civilizacións e de todos os elementos que estas incluían (cidades e familias, linguas e cultura material, rituais e crenzas, leis e institucións, etc.); mais non só das orixes, senón tamén das evolucións deses elementos a través do tempo (3). A motivación do anticuario era a de coñecer mellor o pasado. É certo que en ocasións a súa estimanza polos obxectos materiais procedentes de vellas culturas non era allea ao pracer estético que obtiña ollándoos e posuíndoos. Pero tamén é verdade que o auténtico anticuario era aquel que usaba eses obxectos para comprender as sociedades desaparecidas ás que noutrora pertenceran. En caso contrario, o simple coleccionista era un afeccionado, mal considerado polos verdadeiros anticuarios. O anticuario, xa que logo, debía descubrir o que acontecera nos tempos pasados. Neste sentido era un historiador. E sen embargo, o anticuario e mailo historiador representaban dúas perspectivas distintas verbo do estudio do pasado. Entre un e outro erguíanse dúas diferencias fundamentais. A primeira delas referíase ao xeito de se achegaren ao pasado. No entanto o historiador cinguíase case exclusivamente aos acontecementos ?políticos? do pasado (dinastías, guerras, tratados, etc.); o anticuario pretendía abranguer coas súas pescudas a totalidade dos fenómenos das sociedades do pasado: por suposto a política, mais igualmente a economía, a relixión, a lingua, as prácticas militares ou os costumes funerarios. A segunda tiña que ver coas fontes de información e coa metodoloxía empregadas. O historiador usaba como fontes unicamente os textos literarios (historias, anais, crónicas ou descricións deixadas por autores do pasado); cando o anticuario tiraba partido dunha meirande cantidade e variedade de informacións. O anticuario tiña en conta, por suposto, os escritores da Antigüidade clásica e da época medieval, mais combinábaos con outros datos que tiraba do exame de antigas inscricións e moedas; de estatuas, monumentos e ruínas; de documentos obtidos en arquivos oficiais (cartas, diplomas, actas, privilexios, informes, leis, etc.); de idiomas xa desaparecidos, ou da toponimia; dos costumes populares ou de lendas e tradicións. A combinación de todas esas fontes, así como a maior ou menor utilización dunhas en relación a outras, dependía en grande medida da época histórica e da temática que o anticuario se dispuña a considerar. A historia meramente ?política? do historiador e a diversidade das antigüidades que preocupaban ao anticuario derivaban de dúas tradicións eruditas que xa aparecían diferenciadas na Grecia e na Roma clásicas. A primeira proviña da concepción e da práctica da Historia que foran establecidas por autores como Tucídides, Xenofonte, Tito Livio ou Tácito. As segundas, da archaiologia grega e das antiquitates romanas das que derivaba o seu nome, as cales tiveran o seu principal expoñente, e modelo para todos os futuros anticuarios, en Marco Terencio Varrón.
143 Nº 363