BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudios e investigacións sobre o P. Sarmiento
É así que cando hoxe falamos do anticuario vénnos á mente a figura do vendedor ou do coleccionista de ?antigüidades?, é dicir, de obxectos (mobles, cadros, estatuas, adornos, etc.) que pertencen a un pasado máis ou menos recente (nomeadamente das catro ou cinco centurias anteriores), sen que pensemos que esa persoa pretenda investigar o pasado a partir deses obxectos, nos cales, polo demais, procúrase máis un valor artístico (ou monetario) ca histórico. Para estudiar o pasado a través da cultura material afirmamos xa están os arqueólogos, quen ademais se dedican sobre todo aos vestixios de épocas moito máis antigas. E concluímos: os modernos anticuarios mercan, venden, coleccionan ou agariman as súas ?antigüidades? por motivos estéticos, e non cunha finalidade científica. E sen embargo, o anticuario dos séculos XVXVIII é o máis directo ?devanceiro? do arqueólogo actual e doutros investigadores que pescudan hoxe nos tempos pasados. Por iso, e para comprendermos o lugar que ocupaba Sarmiento dentro da longa tradición ?anticuarista? europea, é polo que cómpre debuxar con liñas moi xerais nas páxinas que seguen a figura do erudito anticuario da Europa do Renacemento, do Barroco e da Ilustración. No século XVIII un anticuario era aquela persoa que se dedicaba a estudiar as antigüidades. Este ambiguo termo de antigüidades designaba un amplo conxunto de investigacións históricas que se ocupaban de moi diversos temas e aspectos dun pasado recuado (2). Así, existían as antigüidades dun reino ou dunha cidade, que consideraban a súa historia dende os primeiros poboadores ou fundadores ata, aproximadamente, os derradeiros tempos medievais; as antigüidades romanas, consagradas ao estudio da civilización da antiga Roma; as antigüidades de Grecia, de Exipto ou do pobo hebreo, que facían outro tanto para esas culturas; as antigüidades eclesiásticas, que se cinguían á orixe e desenvolvemento do cristianismo, ben a nivel xeral (a historia eclesiástica da cristiandade), ben a nivel particular (o espallamento do cristianismo nun lugar determinado, ou a historia dunha institución eclesiástica concreta: catedral, mosteiro ou orde relixiosa); as antigüidades políticas ou institucionais, que analizaban a historia de leis, institucións, costumes, privilexios, sistemas monetarios ou pesos e medidas (ben na Roma clásica, entre os antigos hebreos, ben nos diferentes reinos da Europa medieval); as antigüidades xenealóxicas, que disertaban sobre as liñaxes da nobreza dun determinado lugar; en fin, outros aspectos das sociedades do pasado que ficaban abranguidos polas antigüidades militares, as cronolóxicas, as funerarias, as relixiosas e mitolóxicas, etc. En resumo, poderiamos cualificar ao anticuario como aquel erudito que investigaba unha ampla franxa da historia da humanidade dende as súas orixes ata o principiar da idade moderna co Renacemento e que consideraba as cuestións máis diversas dentro da mesma: cronoloxías, migracións, fundacións de reinos e cidades, relixións, linguas, costumes e xeitos de vida, economía e política, cultura material, leis e institucións, xenealoxías... Un autor actual estudioso do mundo dos anticuarios na Gran Bretaña do
Nº 363 142