BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudos e investigacións sobre Xaquín Lorenzo Fernández
mentos? pola súa capital importancia ?e aquí está evidenciada a súa metodoloxía na forxa do noso particular ser galego. Teremos que agardar moi ben anos para volver a atopar unha nova publicación de D. Xaquín, na que outra volta apareza o mundo mariñeiro. A nefasta guerra incivil e a sórdida e longa posguerra puido contribuír a que o seu radio de estudo non se afastara tanto da súa Ourense. O caso é que non será ata 1962 que volvamos a ver o mar nas súas páxinas. Nese ano, aparece a monumental e fermosa obra na que habita toda a nosa cultura material. Estámonos a referir á Etnografía que Otero Pedrayo lle encomendara para formar parte da magna, malia morrer nos inicios, Historia de Galiza. Os grandes libros son bos para o público, pero tamén para o autor, xa que necesariamente, como foi o caso, esixen que este se poña ó día e complete unha serie de lagoas. Resumín este libro, dicindo que ?nel está toda Galicia. D. Xaquín, buscaba a esencia, o ser da Terra e nesta obra plasmouna toda, con enorme erudición, unha grande beleza e un amor absoluto? (CALO, 2004d: 133). Contando cunha boa formación libresca, era sobre todo e por riba de todo un home de traballo de campo, un ?arqueólogo e etnógrafo de severa metódica e colleitas cadaneiras?, frase que, no prólogo xeral da obra, lle dedica Otero e que reflicte, dentro da súa brevidade, o seu verdadeiro xeito de traballar. Pero, quizá por iso, non se pode dicir que fora proclive a citar bibliografía nos seus traballos e, concretamente nos de pesca, nunca cita a ninguén, o que non fai doada a procura das súas posibles fontes, que, sen dúbida, había. Malia deixar dito no prólogo que a Galicia que estuda ?é case enteiramente agrícola e gandeira?, na páxina 334 afirma que moita xente vive do mar, mar que aparece espallado por distintos lugares do voluminoso libro, en función do ordenamento que fixo dos temas e que, como el mesmo dixo, podería ter sido outro. Velaí, coa páxina inicial entre parénteses, os máis ou menos grandes apartados que afectan ó noso tema: casa mariñeira (52), conservación da pesca (437), carpinteiros de ribeira (486), redeiras (572), veleiros (579), peixeiras (589), cordas (656), caldeirada (694), barcas (718 e 735) e, deixando para a fin, pola súa entidade e extensión, produtos do mar (334) e, se queremos asimilalos, produtos de río (415). Podemos dicir que a maior parte dos anteriores temas son verdadeiras primicias na literatura etnográfica galega e, nalgún caso, acadan unha altura moi considerable. Así, por exemplo, o apartado da conservación da pesca resulta modélico pola súa minuciosidade, interpretación, achega de vocabulario específico e mesmo diferenzas zonais nos traballos de salga. Semellante minuciosidade atopámola no apartado dedicado ós artífices de velas e, sobre todo, nos que describe o traballo das redeiras e dos ?cordieiros?, por empregar o nome usual que se lles dá no Porto do Son. Pola contra, entre os apartados máis frouxos podemos subliñar o dedicado ós barcos de pasaxe, estudados ?pola función inmediatamente detrás do carro, unha das súas grandes paixóns. É moi probable que D. Xaquín soubera desto moito máis do que nos deixou
Nº 365 46