Estudos e investigacións sobre Manuel Lugrís Freire
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
torios fronte do centralismo e non se definen como organización rexionalista nin como partido político senón como ?a matriz da que han saílos partidos que A Patria necesita e que hoxe non ten?, coa confluencia ideolóxica do republicanismo, o espírito das sociedades de defensa do país e o acento periférico conceptuado nun neocarlismo saído dos faladoiros coruñeses. Singularidade que recolle posteriormente Castelao como idea central da praxe política a levar a cabo n' A Nosa Terra e que describe literalmente na súa obra Sempre en Galiza, idea que non é estraño supor de que tivese algún tipo de influencia de Lugrís, transmitida naquelas longas e frecuentes conversas co mestre de Rianxo, sobre todo na súa época de presidente da Academia e pola amizade que se concitou entre os dous persoeiros e as súas respectivas familias. Convértese Lugrís nun dos seus máis entusiastas propagandistas como era habitual nel cando tomaba algo de seu. Pois aquí está impresa unha das facetas máis salientables da súa idiosincrasia: a entrega sen restricións e o amor sublime pola nación galega. Conxugando ambos os valores dános un perfil perfectamente definido do que era e foi en tantas ocasións a súa actuación pública, presidida decote pola conxestiva manifestación dun carácter derrancado que conseguía, moitas veces, contaxiar os presentes e que non elude riscos de confrontación como os que ten na propia Solidaridad por incorporar cregos e fundamentalistas ou o enfrontamento con Brañas, polo tema do Carlismo e aínda co mesmo Murguía en defensa de Teófilo Braga, presidente de Portugal e amigo seu. Pero non para aí a súa entrega. Todo aquilo que sirva para nutrir a vea patriótica ou para alimentar o ideario nacionalista no que xa cre plenamente, abrázao con entusiasmo. A treu forma parte, en 1897, da Comisión que dirixe a Liga Gallega, fundada por Manuel Martínez Murguía e da que tamén será el nomeado presidente anos máis tarde (1906), como organización para potenciar o teatro galego e que patrocinará, logo, a fundación da Escola Regional de Declamación. É elixido vogal da Xunta Directiva da Liga de Amigos e participa o 23 de abril de 1899 na homenaxe aos Mártires de Carral, pronunciando un acendido discurso en presenza dun familiar dos fusilados, pois a temática relativa a estes acontecementos tiña para el unha profunda connotación tanto sentimental como ideolóxica, de tal xeito que en 1904 contribúe, coa achega de cinco pesos, á subscrición para erixir o monumento na súa lembranza na praza da vila, acudindo á súa inauguración. Traballa na Azucarera Gallega, na litografía La Artística e na Sociedad General Gallega de Electricidad durante breves períodos de tempo e, logo, en 1903 é un dos fundadores da Empresa de Aguas de La Coruña que está a implantarse na cidade, forma parte da súa reducidísima nómina levando á presentación pública da entidade, celebrada nun hotel coruñés, ao seu amigo Pondal que compón un sentido poema para esta ocasión, que recita no decurso do acto. Entrégase, con loable entusiasmo, á tarefa de instalala cun salario anual de 3.000 pesetas. Mais inviste os poucos aforros que aínda lle restaban, en papel accionarial da incipiente Empresa e traballa arreo para conseguir un difí65 Nº 367