Alocucións académicas sobre Avilés de Taramancos no Día das Letras Galegas
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
as maternais entrañas amantísimas que lle dan vida entre telúricos acentos, conmocións naturais e amorosas que alzan As torres no ar (1989), dun acento lírico excepcional, que nos leva cara a ese mundo máxico e mítico ó que o poeta vén renacer, a harmónica conxunción do mar e a terra que marcou a súa vida. Cómpre insistir en que a de Antón Avilés é unha poesía de intensa percepción sensual e de sonora arquitectura rítmica. Logo de publicar Obra inmisericorde (1990), oito poemas irónicos de provocación para a meditación, no ´número 3 do Boletín Galego de Literatura, editado pola Universidade de Santiago, e en plena sazón os froitos da súa escrita, a morte implacable quixo vir levar o poeta cando estaba a estructurar novos rexistros dunha intensa e complexa obra de madurez, rematada contra o tempo e editada co título póstumo de Última fuxida a Harar (1992). Velaí a derradeira entrega da súa vida transmutada en soños e ilustrada polas súas láminas coloristas, o seu testamento poético no que nos ofrece, en construccións de cultísima heteroxeneidade temática e formal, a musical beleza última das súas palabras diante dunha ausencia dolorosa que sabía definitiva e inaprazable. Non se agarde, con todo, que estes versos encerren unha poesía tráxica ou estremecedoramente tanática. Nada tan erróneo. Unha vez máis ofrécesenos un canto pleno de vida e de serenidade, de entusiasmo vital en concordancia cun intenso sentimento da natureza, traspasado a penas tenuemente de fermosas alusións simbólicas. Citados neste apuntamento biográfico os seus poemarios publicados, pasemos agora nos parágrafos finais a facer unha sucinta referencia a obra narrativa repleta de vida persoal lendarizada, de mitificación e de imaxinación fabulosa que nos deixou o escritor. Porque entre as outras dimensións que abrangue a arraigada personalidade literaria de Antón Avilés de Taramancos, debe comezar por subliñarse a obra xornalística desenvolvida ó seu retorno, maiormente no periódico Barbanza, A Nosa Terra, a revista da AELG, Luzes de Galiza, A Regueifa, Seiva... recollidos en Obra Viva (1992), de edición póstuma. Coleccións de crónicas e de discursos sobre temas culturais, ou políticos, pronunciados en diversas ocasións memorables, que nos deixaron o seu pensar e o seu sentir xunto con valiosas noticias da súa apaixonante vida. E máis aínda merece salientarse a súa obra narrativa, dotada dun afán estilístico anovador, que a súa morte tan prematura habería deixar soamente comprendida nos relatos de Nova Crónica das Indias (1989), unha colección de dezaseis textos en aparencia literaria inspirada nas antigas crónicas, con recreación de feitos e personaxes do pasado, e cos vivos testemuños dun sensible cronista actual por terras americanas, a xeografía dunha nova saudade. A verdadeira materia das crónicas encóntrase precedida e seguida de dúas partes textuais diferenciadas: as orixes da partida e o retorno. Na primeira, escribe da súa nenez nos eidos nativos, das entrañables vivencias e lembranzas na aldea matricial de Taramancos ata que sae dela cando ten quince anos para ir para A Coruña e, logo, xa de vinteseis, para cruzar o mar cara á América colombiana. Dá conta do escenario primixenio dos primeiros anos, da súa posta en escena nun mundo que configura
213 Nº 364