VIDA E NARRACIÓN EN AVILÉS DE TARAMANCOS
O idioma leva en si o formento da liberdade (A. A.)
Salvador GarcíaBodaño Zunzunegui
Un solidario corazón comunal, vello sufridor de despedidas, era daquela o lugar de Taramancos, a tres quilómetros cumpridos ou unha media légoa no dicir de antes, polo camiño que vai de Noia cara a Boa e Portosín. Enclavada ó pé da vertente norteña da Serra do Barbanza, entre xenerosas labranzas abeiradas antano dun vizoso souto e arboredos con faias, freixos, satíns, enormes cerdeiras e nogueiras fecundas, figueiras e claudieiras, abrigo dun milagre de aves e rechouchíos a carón do vento da beiramar, da mar recollida en ría, rota interior e mansa dos derradeiros veleiros soñados na nenez. Alí, na humilde regalía daquel espacio natural, entre máxico e mítico, varado nas ribeiras do tempo, naceu, o 6 de abril de 1935, o neno Xosé Antón, que no andar dos anos sería o excelente poeta, a ricaz voz entrañada na terra e no ser galego, que veu arrequecer a nosa lírica moderna e que hoxe celebramos nesta sesión extraordinaria da Real Academia Galega, no día grande das nosas Letras nacionais. A vida e a obra de Antón Avilés destacaba eu por primeira vez na revista Grial en 1971 atópanse notablemente próximas, intimamente imbricadas na creación literaria, de xeito que a segunda supón en certa medida unha memoria literaria recreada da primeira. Trinta anos máis tarde, xa desaparecido o poeta, gustei de subliñar doutra volta esa fabulosa capacidade que Antón Avilés posuía para 'literaturizar' e empreguei este neoloxismo verbal polo expresivo os acontecementos vitais que máis o tiñan conmovido. Sendo así que se rastrexamos nos seus textos xornalísticos, narrativos ou poéticos, sería doado reconstruír unha fermosa biografía literaria deste relevante poeta da Xeración de 1950. De feito, neles inspírase e ilumínase esta apurada referencia ó seu pasar pola vida, e neles tamén souberon recoller con talento datos abondosos quen se ten interesado pola traxectoria vital do autor. De aí que as miñas palabras de hoxe, cumprindo o mandado biográfico co que me honrou esta egrexia corporación, teñan por lenda ?Vida e narración en Avilés de Taramancos?. O maior de catro irmáns vivos, fillo de Severiano Avilés Outes mariñeiro a navegar en longas singraduras e de Manuela Vinagre Fuentes sempre a traballar dende o alborecer ata a alta noite, Antón Avilés decidiría adoptar cando ía xa para os vinte anos, tanto cara ó seu porvir literario como para a súa vida civil, o uso daquel topónimo do lugar da súa nacencia, creando un eufónico cognome de sinaladas suxestións trobadorescas, 'Avilés de Taramancos', nunha refeita identidade nominal coa que andaría o
205 Nº 364