BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudios e investigacións sobre Avilés de Taramancos
causas populares e colectivas. Mesmo coa gozosa ferida da saudade combate Avilés as ameazas de Tánatos, que a nostalxia das horas vividas serve para conservalas, para evitar a súa fuxida. E os mortos da nosa terra, xa o dixemos, non son mortos senón devanceiros, colectividade insubmisa que continúa a labrar o eido comunal, sedimento vivo da patria, pouso erótico, amor permanente alén da morte. E cando o poeta debe afrontar o seu propio destino de morto, destemido, teimoso vitalista, rebelde contra a sombra, decide emprender, ao xeito de Rimbaud, unha última fuxida, exilio voluntario que non significa fracaso. É a Última fuxida a Harar, arrizada loita contra as tebras, soñada victoria de Eros contra Tánatos. A contemplación feliz do espectáculo da vida, ventos e paxaros, eidos e navíos, a imaxe da nai e o corpo da muller, Galiza e Colombia, pode contra todo presentimento de tebra: ?É tan fermoso / ver asi o universo surprendido / na sua propria luz / que até a ferida / se cobre de faíscas / rutilantes.? En todo caso, considerada a inevitabilidade do pasamento, o poeta acepta o seu ingreso na sociedade final dos mortos vivos, dos devanceiros que labran e sementan, século a século, o eido incesante da historia, a patria: ?Alí estou eu de morto dando vida aos carballos.? Alí está, efectivamente, Antón Avilés de Taramancos, dando vida. Aquí está Antón dándonos vida através da semente da súa palabra, espello convexo, lente expansiva que multiplica en símbolo erótico a materia íntima da súa memoria, a substancia pública do ser que somos: terra e mar, saudade, amor.
Nº 364
26