Estudios e investigacións sobre Avilés de Taramancos
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
filial a través da palabra poética nun proceso imaxinativo, case visionario, de consubstanciación cos alicerces terrestres, co cerne da terranai. A materia mineral da terra é corpo de nai, símbolo materno. A nai e a avoa concretas as dúas nais labregas de Antón son as depositarias da ciencia agrícola, portadoras do segredo cósmico, donas da semente, ?esa ternura / en que sostén as trabes o universo: / en tan mínima urna namorada?. Símbolos encarnados na experiencia terrestre, realidade incuestionábel, as nais de Avilés propiciaron a súa comunicación coa cidade do alén, territorio sen lindes onde pervive o labor incesante dos mortos, o ?sedimento da patria?. A terra foi tamén para Antón, poeta e home, o espazo do acougo, da permanencia, da estabilidade, fronte ao engado irresistíbel da aventura e da fuxida que as portas do mar e as velas abertas dos navíos prometían. Pero Antón nunca embarcou. Foi navegante contemplativo, soñador de fragatas, fabulador de míticas aventuras marítimas que interpretaban un soño teimoso de liberdade. Os seus heroes preferidos foron o revolucionario capitán Nemo e o odiseico Ulises, de quen incorporou, herdado do seu oceánico amigo Urbano Lugrís, fabricante de mares oníricos, o nome para engadilo a outro antropónimo lendario de resonancias célticas, e así resultou Avilés transformado en Ulises Fingal para o maxistral exercicio das crónicas destinadas á revista Barbanza de Noia. Detrás daqueles referentes épicos e marítimos vivía Severiano Avilés Outes, o pai, a quen se dirixe o fillo con estas palabras nun poema de As torres no ar habitado tamén por Nemo e Ulises: ?E ver como os teus ollos, vello pai, feridos / de esculcar horizontes / amaran ese linde de camposas ilímites.? Detrás do mar e dos seus símbolos reside a figura do pai, igual que entre os sucos alegóricos da terra transcendida permanecen en teimoso labor e sagrado rito de labranza a nai e a avoa. Principio masculino da aventura inestábel e da ausencia dolorosa, principio feminino que representa a certeza e a solidez permanente, estes dous eixes emocionais fúndense na vida e na escrita de Antón Avilés, quen sufriu sempre a pulsión contraditoria de ambas urxencias. A de marchar, incitada polo rumbo aberto dos navíos que o neno admiraba (?No seu ronsel van cara ao sur os soños, van / nesa maravilla arvorada os meus anseios de voar?), foi cumprida por causa de necesidade en 1961, Colombia e os seus itinerarios de selva e altiplano. A de regresar e permanecer (?nunca / regresa o mesmo home / ao mesmo sitio?), en 1980, vinte anos de ausencia e a terra recobrada. Pero logo, ben logo, a dor da outra patria, o soño nunca abertamente confesado (¿ou si?) de volver a Cali: ?Agora teño saudade / do futuro que hei de andar / lonxe da miña cidade.? Desa nova saudade deixan indiscutíbel constancia os poemas de Cantos caucanos. O sentimento da saudade exprésase na poesía de Avilés frecuentemente ligado ao motivo da navegación. É a tristura polos ausentes, a estirpe masculina de mariñeiros, emigrantes e exiliados alén da distancia imposíbel do océano. É, ademais, o estado psíquico permanente das xentes do mar, de ollos debruzados sobre a longura sen lindes: ?a longa fondura da saudade, / compañeira perpetua da feliz singradura.? Arredor das cla23 Nº 364