BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudios e investigacións sobre Avilés de Taramancos
ta de Os poemas da ausencia, conxunto que, xurdido de dous momentos creativos distantes (1963 e 1969), debeu adiar tamén a súa publicación até o ano 1982 para ser incluído en O tempo no espello. Colombia, a segunda patria do poeta, é a figura central da nova nostalxia, e aquela dor foi certeza que aguillou a Avilés logo do regreso a Galiza e que resultou conxurada e transformada en arte de altísima dicción a través de Cantos caucanos (1985). Decididamente instalado cos seus en Noia, Antón procura a raíz primeira da historia persoal. O mellor vehículo para esta viaxe de retorno ao núcleo do seu ser histórico foi o dos poemas de As torres no ar (1989), onde comparece tamén a vivencia inmediata do amor adulto. As torres no ar é, sobre todo, o libro da nenez, o reencontro do poeta co estrato fundacional da súa substancia labrega e terrestre, complementada coa fabulación soñadora do horizonte marítimo. E, finalmente, do ferreño combate cunha morte inadiábel, sólida e indiscutíbel presenza desde a primavera de 1991, nace Última fuxida a Harar (1992), libro feito ademais con outras materias da vida que anunciaban futuras e moi suxerintes voces. Os ciclos fundamentais da vida de Avilés de Taramancos ficaron, pois, transcendidos, transformados por obra de memoria selectiva e vontade de tensión artística, nos itinerarios dunha obra poética que obedeceu un proxecto de escrita tamén cíclica e de carácter unitario en cada entrega: a nenez, a saudade de Galiza, a nostalxia de Colombia, o amor, o diálogo coa morte. A ollada evocativa do poeta procura no horizonte da nenez dous focos esenciais, os dous principios constitutivos da súa verdade humana: terra e mar. É a terra material do neno labrego, o suco sementado, os labores aprendidos no maxisterio da xenealoxía feminina: Lela e Pepa da Pastora, a nai e mais a avoa. O mar, rumbo lonxincuo do pai embarcado, rota inconsolábel da saudade, representa o escenario da aventura, o soño da fuxida, que Antón aprendeu na contemplación dos navíos fondeados na enseada de Noia: o Consuelo María, o Maniños, o Nova Flor do Barqueiro... e, principalmente, o Olga, ?semente da estética, da liberdade, da poesía?. Sobre a fascinante experiencia que os labores da labranza e o espectáculo dos barcos de vela representaron para a educación sentimental do poeta en idade infantil e adolescente hai fermosas e translúcidas páxinas xornalísticas recolleitas no volume póstumo Obra viva (1992) e capítulos decisivos, especialmente o limiar e o epílogo, no singular libro de prosas narrativas Nova crónica das Indias (1989). E un pouso constante sobre o leito semántico de toda a súa obra poética, sobre todo en Os poemas da ausencia, As torres no ar e Última fuxida a Harar. Mais a evocación das vivencias infantís desde o poema e arredor daqueles dous eixes emotivos esenciais, terra e mar, nunca se demora en detalles descritivos que puidesen abeirar o texto aos territorios do ruralismo costumista. A terra de labranza é campo de batalla para un combate de dimensión épica e liberadora. A arxila dos eidos conforma o ser material e a anatomía psíquica cómpre entender: o urdido ético do poeta, quen, recuperado o espazo da xeografía natal logo da volta de Colombia, regresa á condición
Nº 364 22